Conde destaca a capacidade de “arriscar, innovar e perseverar” dos emprendedores para reforzar o tecido empresarial do Xallas

2015-11-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou na xornada “Decidín emprender”, organizada polos alumnos do curso de creación e xestión de microempresas de Santa Comba
  • Subliña a capacidade do emprendemento e a innovación para vertebrar Galicia, impulsando no rural proxectos que Xunta está a respaldar mediante ferramentas de apoio a novas empresas e cooperativas
  • Salienta o potencial das novas pequenas compañías de eidos como a impresión 3D e os servizos asociados á aviación non tripulada, como o software e a imaxe

Santa Comba (A Coruña), 14 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a capacidade de “arriscar, innovar e perseverar” dos emprendedores para reforzar o tecido empresarial da comarca do Xallas. Conde participou na xornada “Decidín emprender”, organizada polos alumnos do curso de creación e xestión de microempresas de Santa Comba, na que tomaron parte ademais varias empresas de eidos como a aviación non tripulada ou a impresión 3D.

Conde destacou dos alumnos do curso a súa busca dun proxecto innovador capaz de cambiar o seu entorno para mellor, e resaltou o pulo emprendedor e innovador do rural como clave para “vertebrar o país”. Neste senso, sinalou o apoio do Goberno galego ao emprendemento rural, a través de instrumentos como os programas de emprendemento no sector agroalimentario, o apoio á creación de novas cooperativas ou sociedades laborais por parte dos menores de 30 anos; ou os 40 millóns de euros reservados en apoio ao emprendedores, autónomos e cooperativas nos orzamentos de 2016.

Conde resaltou o traballo da Xunta para poñer en valor o talento emprendedor, derrubando as barreiras burocráticas que se interpoñen no camiño para a creación das empresas. Neste senso, lembrou a supresión das licencias municipais de apertura e actividade; ou a posta en marcha de unidades de apoio e asesoramento como a Unidade Galicia Emprende. Conde resaltou tamén o potencial de santa Comba para buscar nichos de mercado en sectores de amplo potencial innovador, como a impresión 3D ou a aviación non tripulada.

Neste sentido, sinalou a trascendencia para o sector da impresión 3D da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten a esta tecnoloxía como un dos “piares dun cambio na nosa maneira de producir”, e que adicará recursos públicos a impulsala en Galicia. Por outra parte, resaltou a posta en marcha do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que o Goberno galego está a impulsar e que conta cun programa de compra pública innovadora de tecnoloxía que poden aproveitar as pemes, “unha oportunidade que confiamos que aproveiten os emprendedores galegos” e que pode impulsar unha gran actividade empresarial nos servizos asociados á aviación non tripulada, como o software e a imaxe.

Conde referiuse ademais as oportunidades de innovar noutros sectores fundamentais para o rural, como a biotecnoloxía e a biomasa, que veñen de ser reforzados pola estratexia de biotecnoloxía que activará a Xunta no vindeiro ano, así como pola Estratexia de Impulso da Biomasa, que busca fomentar o emprego deste combustible reforzando a creación de empresas baseadas nun recurso autóctono.