Feijóo subliña que, ao igual que nunha empresa, os éxitos dun país veñen do traballo colectivo dos seus cidadáns

2015-11-13
  • Asegura que Delta Vigo é todo un exemplo do nivel ao que a industria galega está integrando a I+D+i aos procesos de produción
  • Sinala que, do mesmo xeito que un proxecto empresarial se concibe como un proxecto de equipo, como unha cadea de valor que non o é se non integra todos os seus elos, tamén un país é máis forte cando integra a diversidade de todos os seus territorios e a riqueza cultural e económica que cada un lle achega
  • Indica que se alcanzamos o inicio da recuperación económica é porque, como en calquera empresa, remamos todos na mesma dirección

Vigo, 13 de novembro de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que, ao igual que nunha empresa, os éxitos dun país dependen do esforzo colectivo de todos e cada un dos seus cidadáns. Así o manifestou no acto de entrega da Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Francisco Puga, presidente de Delta Vigo.

O mandatario galego sinalou que, do mesmo xeito que un proxecto empresarial se concibe como un proxecto de equipo, como unha cadea de valor que non o é se non integra todos os seus elos, tamén un país é máis forte cando integra a diversidade de todos os seus territorios e a riqueza cultural e económica que cada un lle achega. “Para que vale un éxito individual se hai un fracaso colectivo?” , preguntouse, antes de lembrar que o illamento non reporta ningún tipo de beneficio.

Nesta liña, indicou que se alcanzamos o inicio da recuperación é porque, como en calquera empresa, remamos todos na mesma dirección. Entre os factores que explican o crecemento económico de Galicia, o presidente da Xunta salientou a internacionalización das nosas empresas, grazas ás cales “hoxe exportamos máis que nunca”.

Presente e futuro da industria galega

Sobre Delta Vigo asegurou que é todo un exemplo do nivel ao que a industria galega está integrando a I+D+i aos procesos de produción. Unha compañía que representa o presente e o futuro do sector industrial de Galicia porque, á vez que dirixe parte da súa actividade cara á automoción, tamén é actualmente unha empresa líder no segmento da aeronáutica.

Feijóo destacou que Delta Vigo traballa para os catro grandes fabricantes de avións no mundo e que a súa colaboración está a ser de gran valor na posta en marcha do polo aeronáutico de Rozas, no que o Goberno galego investirá máis de 40 millóns de euros. E remarcou que fixo da I+D+i a chave para desenvolver proxectos de alta dificultade tecnolóxica cos que diversificar a súa produción e, polo tanto, o seu mercado.

Como proba de ser unha empresa con vocación innovadora, mencionou os seus máis de 160 empregados (o 96% con contratos indefinidos), as tres plantas de produción das que dispón en España (dúas delas en Vigo), o seu nivel de facturación e o seu índice de exportacións a países como Alemaña, EE.UU, Francia, Irlanda ou Brasil.

É, segundo dixo, un exemplo de empresa que aposta pola formación dos seus traballadores e que, con iso, obtén a cualificación e a implicación máxima de todo o seu cadro de persoal. A medalla, concluíu, supón un premio á xestión e ao traballo colectivo.