Conde destaca o liderado emprendedor e innovador que debe xogar o rural ourensán para construír “a Galicia das ideas”

2015-11-13
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou no Foro La Región Transformando Ourense, que tivo lugar en Bande
  • Resalta o pulo emprendedor da provincia ourensana, que lidera a creación de empresas na comunidade no que levamos de ano, con 360 novas compañías
  • Subliña o respaldo da Xunta á creación de empresas no rural, con apoios específicos en eidos como o lácteo e as cooperativas
  • Salienta que Ourense está a participar da vangarda innovadora de eidos como o agroalimentario, a biomasa e a biotecnoloxía, a través de ferramentas como a aceleradora Agrobiotech

Bande (Ourense), 13 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o liderado emprendedor e innovador que debe xogar o rural ourensán para construír “a Galicia das ideas, do esforzo, do risco e a perseverancia”. Conde participou en Bande no Foro La Región Transformando Ourense, encontro que resaltou como “necesario para impulsar esa mistura de saber facer e risco que caracteriza ao emprendemento ourensán, e que lle ten permitido estar á cabeza de Galicia”. Neste senso, o conselleiro lembrou que no que levamos de ano, Ourense é a provincia que lidera a creación de empresas en Galicia, sumando 360 novas compañías, máis dun 4% por riba do ano pasado.

“Só cun ecosistema que permita emprender e innovar no rural seremos quén de vertebrar o país, de non ter só un motor industrial, senón varios, e de vivir nunha Galicia na que as oportunidades sexan iguais para todos”, dixo o conselleiro. O Goberno galego, segundo avanzou no recente debate de orzamentos, conta con ferramentas para avanzar neste camiño, como un programa de emprendemento industrial de produtos agrícolas e gandeiros do rural; ou o apoio á creación de novas compañías por parte dos menores de 30 anos a través de cooperativas ou sociedades laborais; así como reservando nos orzamentos 40 millóns de euros en apoio ao emprendedores, autónomos e cooperativas.

De cara a reforzar esa tendencia, Conde incidiu nas ferramentas postas polo Goberno galego á disposición dos emprendedores, como a eliminación das licencias municipais de obra e actividade para facilitar a apertura de novos negocios; a posta en marcha de unidades de apoio como a Rede de Axentes de Emprego, a Rede Eusumo e a Unidade Galicia Emprende, que asesora aos emprendedores desde a primeira idea ata o mesmo momento da apertura do negocio; a formación e o financiamento, xa sexa directo por parte da Xunta ou a través da Rede de Business Angels.

Ese impulso emprendedor, dixo Conde, debe complementarse cun traballo de apoio á innovación das empresas do rural, clave para apuntalar a súa competitividade, en eidos como o agroalimentario, a biotecnoloxía, ou a biomasa. Son preciosamente os tres grandes sectores que a Xunta está a impulsar na aceleradora Agrobiotech, con sede en Ourense, na que once pequenas empresas destes tres sectores están a recibir asesoramento especial para gañar proxección. A ese traballo se suma a estratexia de biotecnoloxía que activará a Xunta no vindeiro ano, que suma 10 millóns para multiplicar as oportunidades do sector, así como a Estratexia de Impulso da Biomasa, que busca fomentar o emprego deste combustible nas empresas, fogares e administracións, co potencial de reducir o gasto en calefacción á metade, reforzando o tecido empresarial galego a partir dos recursos propios do rural.