Conde destaca que a Xunta pon en marcha co Conecta Peme 3 a aposta máis forte pola innovación empresarial desde o comezo da crise

2015-11-12
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria resalta que a nova convocatoria do programa de apoio á innovación nas pequenas e medianas empresas suma 25 millóns de apoios públicos para xerar 40 millóns de euros en investimentos
  • Esta terceira edición busca a participación de 200 compañías xunto a centros tecnolóxicos e universidades galegas
  • A convocatoria recolle 20 medidas de simplificación e abre a porta á innovación en procesos industriais cara á Industria 4.0
  • As dúas primeiras edicións desta programa permitiron avanzar ao tecido empresarial en eidos como a loita contra o cancro, o tratamento de enfermidades cardiovasculares, ou a robótica submarina

Santiago, 12 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a posta en marcha da terceira convocatoria do programa Conecta Peme como a aposta máis forte pola innovación empresarial levada a cabo pola Xunta desde o comezo da crise. Conde resaltou que esta nova edición da iniciativa de apoio á I+D+i nas pequenas e medianas empresas, que se activará nas vindeiras semanas, busca a participación de consorcios nos que, ademais de centros tecnolóxicos e universidades, participen preto de 200 empresas.

Esta edición, a que conta con máis recursos públicos en apoio á innovación empresarial dos últimos sete anos, suma 25 millóns de euros de apoios para xerar 40 millóns en investimentos, que permitirán poñer en marcha máis de 50 proxectos de innovación. Conde amosouse convencido de que eses proxectos terán un impacto polo menos tan importante como o que teñen acadado as dúas primeiras edicións do programa. Neste senso, lembrou proxectos como eHeart, que busca poñer freo as enfermidades cardiovasculares a partir de avances nas TIC, e que vén de ser recoñecido como o mellor proxecto español de innovación no ámbito das tecnoloxías de saúde e vida activa; Oncogalpharma, que ten permitido a empresas biotecnolóxicas galegas investigar novas moléculas para loitar contra o cancro; ou TitanRob, que abriu a porta para que investigadores vigueses desenvolvesen un brazo de titanio para robots submarinos que operan a grandes profundidades. Son tres proxectos dun total de 54, que crearon 500 empregos na comunidade desde 2013.

Precisamente, as propias empresas teñen colaborado coa Xunta no deseño desta terceira edición de Conecta Peme, un traballo conxunto que contribuíu a incluír na convocatoria 20 medidas de simplificación e flexibilización administrativa, para que as compañías poidan concentrarse en innovar e non en tramitar.

En canto ás prioridades temáticas dos proxectos que apoiará o Conecta Pemes 3, Conde avanzou que o programa estará aliñado coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3 e a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0. Así, impulsará as prioridades da RIS3 e abrirá a porta aos proxectos de innovación en organización e mellora de procesos que nos permitan avanzar cara á Industria 4.0. “Quixemos garantir que ningunha peme galega quedase sen oportunidades e sen apoio público para levar a cabo o seu proxecto de innovación”, dixo Conde.

Conde resaltou a importancia de cubrir toda a cadea de valor da innovación galega, desde o cofinanciamento brindado polo Conecta Peme, e os incentivos á captación de fondos nacionais e internacionais a través dos bonos de innovación, ata a aposta que representan os procesos de compra pública innovadora, ou o impulso outorgado polas aceleradoras de empresas como Agrobiotech, así como o acceso a fondos de capital risco.