Conde salienta que “non cabe ningunha dúbida do uso civil do polo aeronáutico de Rozas” que “creará unha nova industria en Lugo e xerará postos de traballo”

2015-11-11
  • Destaca a oportunidade que supón para Galicia un proxecto centrado no desenvolvemento de tecnoloxía para a prevención e extinción de incendios, a xestión máis eficiente dos recursos naturais e alimentarios, o salvamento marítimo ou a atención de emerxencias
  • Lembra que o uso actual das instalacións de Rozas céntrase na certificación de avións non tripulados para o seu uso civil
  • Avoga pola “unidade de acción” de cara ao impulso dun proxecto pioneiro que busca fixar industria e emprego no interior de Lugo con nodos en todo o territorio
  • Subliña o éxito dunha convocatoria “totalmente transparente” lanzada en xullo pola Axencia Galega de Innovación, na que as empresas aeronáuticas máis grandes do mundo están a poxar para investir en Rozas
  • Lembra que o contrato cun ou varios socios suporá o desenvolvemento dun plan de I+D en programas de interese para Galicia, xerando un efecto tractor sobre o sector produtivo e os centros de coñecemento

Santiago, 11 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que “non cabe ningunha dúbida do uso civil do polo industrial e tecnolóxico” que o Goberno galego está a impulsar en Rozas (Lugo), que suma un investimento de 55 millóns para “crear unha nova industria en Lugo e xerar postos de traballo” mediante a tecnoloxía vinculada ao desenvolvemento de avións non tripulados de uso civil.

“Trátase dunha aposta clara e sen fisuras pola investigación aplicada á mellora dos servizos públicos estratéxicos”, incidiu Conde, quen salientou a oportunidade que supón este proxecto para Galicia, entre as que citou a prevención e extinción de incendios, a xestión máis eficiente dos recursos naturais e alimentarios, o inventariado e a xestión intelixente do territorio e do patrimonio, o salvamento marítimo ou a atención de emerxencias.

“O Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas – CIAR dedícase en exclusiva a actividades de I+D+i de aeronaves non tripuladas para o uso civil e á certificación destas aeronaves”, lembrou o conselleiro, quen subliñou que este compromiso se recolle no propio convenio asinado co INTA e publicado no BOE, e na parte de fondos FEDER destinados a iniciativa e que implican a súa aplicación ao ámbito civil.

Sobre esta base, o conselleiro avogou pola “unidade de acción de todos” de cara a impulsar a realización do proxecto. Unha iniciativa que, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, aspira a desenvolver a industria aeronáutica en Galicia. Este polo, proseguiu, busca “fixar industria e emprego no interior de Lugo con nodos en todo o territorio, e facer do aeronáutico galego un sector á altura da automoción ou o naval”.

“De feito, cómpre subliñar que o CIAR é unha iniciativa pioneira de referencia internacional”, sinalou. Neste sentido, Conde lembrou o éxito da convocatoria “totalmente transparente” lanzada en xullo pola Axencia Galega de Innovación, na que as empresas aeronáuticas máis grandes do mundo están a poxar por converterse no socio tecnolóxico que desenvolva o proxecto. Este contrato que se asinará cun ou varios socios, apuntou o conselleiro, suporá o desenvolvemento dun plan de I+D en programas de interese para Galicia, xerando un efecto tractor sobre o sector produtivo e os centros de coñecemento, e promovendo a colaboración coas pemes.

O obxectivo, salientou o conselleiro, é fixar tecido industrial e crear postos de traballo de calidade a través do impulso dun sector emerxente de gran potencial que permita o desenvolvemento de I+D+i e a fabricación en serie de drons civís, seguindo os obxectivos marcados na Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0.

Trátase dunha aposta que busca aproveitar o potencial dun sector que se estima que xere investimentos por valor de 67.000 millóns de euros ata 2020 en todo o mundo. “E Galicia ten a capacidade e, agora tamén, a oportunidade de ocupar unha posición de liderado neste sector”, concluíu Conde.