A Xunta destaca o papel estratéxico de Aimen no reto de construír o modelo industrial do futuro en Galicia

2015-11-09
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou hoxe na apertura da II Semana Internacional do Láser, que reúne no centro tecnolóxico a un cento de expertos en tecnoloxías láser procedentes de sete países
  • Varela subliña transferencia de coñecemento como un dos eixos prioritarios da política innovadora da Xunta, na procura de xerar sinerxías entre os centros de coñecemento e o tecido empresarial
  • Resalta a aposta pioneira de Aimen pola prestación de servizos e a colaboración coa industria para incrementar a competitividade e o crecemento económico de Galicia

Santiago, 9 de novembro de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou hoxe na apertura da II Semana Internacional do Láser o papel estratéxico que o centro tecnolóxico Aimen, organizador do evento, cumpre no reto compartido por administración, empresas e centros de coñecemento de construír o modelo industrial do futuro de Galicia.

Varela subliñou o esforzo continuado de Aimen por promover actividades destinadas a compartir coñecemento a nivel internacional sobre tecnoloxías que, como é o caso do láser, teñen capacidade para incrementar a competitividade de múltiples sectores industriais con carácter transversal. Neste sentido, lembrou que hai pouco máis dun mes o centro tecnolóxico logrou traer por primeira vez a Galicia o Congreso Nacional de Tratamentos Térmicos e de Superficie, unha cita de referencia con tres décadas de traxectoria.

O evento que está a ter lugar no Porriño ao longo desta semana reúne a un cento de expertos e empresarios de España, Alemania, Portugal, Reino Unido, Francia, Austria e Lituania. “Citas especializadas coma esta son unha fonte importantísima de coñecemento e oportunidades de establecer colaboracións internacionais para as empresas e os centros galegos”, subliñou o director da Gain, que lembrou que as tecnoloxías facilitadoras son unha das prioridades da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3) e da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0 pola súa capacidade para impulsar a modernización e a diversificación de sectores estratéxicos como o naval e a automoción e tamén para contribuír á construción da fábrica do futuro.

O responsable da Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, insistiu na transferencia de coñecemento ao mercado como unha das vías clave para xerar competitividade e crecemento económico. Neste punto, destacou o labor pioneiro de Aimen no soporte continuado ás empresas galegas a como provedor e colaborador tecnolóxico. “A posta en marcha o ano pasado do Centro de Aplicacións Láser demostrou que Galicia pode liderar o desenvolvemento de tecnoloxías punteiras a nivel europeo coa vista posta nas necesidades do tecido produtivo”, subliñou.

Neste mesmo ámbito da colaboración coa industria, destacou a capacidade de Aimen para servir como axente tractor de alianzas innovadoras, como as catro unidades mixtas nas que participa con empresas punteiras nos seus sectores: por unha banda, Wartsila Ibérica e Vulcano no sector naval, e, por outra, GKN Driveline Vigo e Grupo Copo no da automoción.

Varela lembrou a aposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola colaboración público-privada e tamén pola unión de forzas entre centros de coñecemento para ofrecer carteiras de servizos integradas. Neste sentido, destacou a recente alianza dos centros tecnolóxicos de referencia en ATIGA, na que tamén se integra Aimen e que representa a unión intersectorial de forzas para que a tecnoloxía galega compita mellor a nivel internacional, ademais de contribuír cunha visión compartida á modernización de sectores estratéxicos para Galicia.