Conde defende establecer a fábrica intelixente en Galicia da man dos centros tecnolóxicos e clústers seguindo o modelo de cooperación de multinacionais alemás como Miele

2015-10-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita os proxectos de fabricación avanzada da multinacional na súa sede en Gütersloh, no estado federado de Renania do Norte-Westfalia
  • Acompañado por representantes de Atiga, Gradiant, CTAG, Anfaco, Aimen, ITG, EnergyLab, Ceaga e o Clúster TIC, comprobou os avances dun proxecto levado a cabo pola empresa co centro tecnolóxico Fraunhofer-Anwendungszentrum Industrial Automation, que permitirá ás máquinas detectar por si mesmas fallos na cadea de produción e corrixilos
  • O proxecto forma parte dunha das iniciativas punteiras en Industria 4.0 impulsadas polo Goberno alemán en colaboración co tecido tecnolóxico e industrial
  • A delegación galega completará a primeira xornada da súa visita cun encontro de traballo con Walther von Plettenberg, director xerente da Cámara de Comercio Alemá para España
  • O Goberno galego xa está a traballar en proxectos de cooperación cara á Industria 4.0 a través do concurso de ideas que convocará proximamente e que promoverá os proxectos en consorcio que sumen esforzos de pemes, centros tecnolóxicos e clústers para implantar a fábrica intelixente

Gütersloh (Alemaña), 27 de outubro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe establecer a fábrica intelixente en Galicia da man dos centros tecnolóxicos e clústers, seguindo o modelo de cooperación de multinacionais alemás como Miele para a implantación da Industria 4.0. Conde gabou esa cooperación innovadora durante unha visita aos proxectos de fabricación avanzada desta compañía na súa sede en Gütersloh, no estado federado de Renania do Norte-Westfalia, na que estivo acompañado por representantes de Atiga, Gradiant, CTAG, Anfaco, Aimen, ITG, EnergyLab, Ceaga e o Clúster TIC.

A viaxe enmárcase na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que prevé que os centros tecnolóxicos e os clústers actúen como pancas para trasladar as novas tecnoloxías ás pemes da comunidade. Conde lembrou que a esta vocación colaborativa responde precisamente o primeiro paso dado por Galicia cara a fábrica intelixente, coa posta en marcha do concurso de ideas da fábrica intelixente, que servirá para escoller e financiar os mellores proxectos piloto levados a cabo por consorcios que unan a clústers e centros tecnolóxicos con pemes galegas. A Xunta investirá 4 millóns nesta iniciativa, que se convocará nas vindeiras semanas.

Nesta primeira xornada da viaxe a Alemaña, a delegación galega comprobou os avances dun proxecto para optimizar a produción de electrodomésticos, o Sistema de asistencia intelixente, levado a cabo pola empresa co centro tecnolóxico Fraunhofer-Anwendungszentrum Industrial Automation. Esta iniciativa permitirá ás máquinas, a partir de algoritmos avanzados e distintos sistemas de virtualización, detectar por si mesmas fallos na cadea de produción e corrixilos de forma automática. Forma parte do impulso á Industria 4.0 protagonizado polo clúster de sistemas técnicos intelixentes OstWestfalenLippe (nas súas siglas it’s OWL) do que forman parte de 174 empresas –entre elas a propia Miele- e que suma como aliados a universidades e centros de investigación. Este clúster desenvolve hoxe 46 proxectos de investigación, investindo preto de 100 millóns de euros coa axuda do Goberno alemán para impulsar proxectos punteiros de Industria 4.0.

Conde e a delegación galega tamén tiveron a oportunidade facer un percorrido pola fábrica principal de Miele, analizando desde a prefabricación ata a montaxe final, e onde tiveron a oportunidade de comprobar in situ os avances que está a realizar a compañía na fabricación de produtos intelixentes capaces de comunicarse co exterior. Aproveitando o internet das cousas, estes electrodomésticos son quén de adaptarse ao comportamento do usuario, garantindo ademais unha maior sinxeleza de uso.

A delegación galega completará a primeira xornada da súa visita ao país xermano cun encontro de traballo con Walther von Plettenberg, director xerente da Cámara de Comercio Alemá para España (AHK Spanien), co obxectivo de compartir as posibles liñas de traballo conxuntas para consolidar os lazos económicos entre ambos mercados, poñendo o foco no eido da tecnoloxía industrial asociada á fábrica intelixente.

O desprazamento da comitiva galega está enmarcado dentro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, impulsada pola Xunta de Galicia como estratexia para adaptar a Galicia á revolución que supón a fábrica intelixente, incrementando o peso da industria no PIB galego ata o 20%, e creando 50.000 empregos ata 2020.

A viaxe continuará mañá, cunha visita da delegación galega aos centros produtivos das multinacionais BMW e Siemens, en Munich, no estado federado de Baviera.