Conde destaca que Ourense lidera a creación de empresas en Galicia sumando case 330 novas compañías no que vai de ano

2015-10-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria clausura a I Feira do Emprendemento de Ourense, que ten permitido “poñer en valor proxectos e promover iniciativas” contribuíndo á “reactivación económica” da provincia
  • Subliña que o encontro celebrado hoxe permitiu aos participantes coñecer produtos de financiamento, afondar na conveniencia e adecuación destes produtos á idea de negocio ou reforzar a importancia da innovación
  • Sinala que a aposta da Xunta polo emprendemento plásmase na posta en marcha de aceleradoras como Galicia Open Future, Vía Galicia ou Agrobiotech, con sede na Tecnópole e na que participan 11 pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa

Ourense, 20 de outubro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na clausura da I Feira do Emprendemento de Ourense, onde destacou que a provincia está a liderar nestes momentos a creación de empresas na Comunidade ao sumar case 330 novas compañías de xaneiro a setembro.

Neste contexto, o conselleiro salientou a importancia de iniciativas como a Feira, que ten suposto “unha ocasión inmellorable” para estimular o espírito emprendedor en Ourense, facendo desta terra un “territorio de oportunidades”. Durante toda a xornada, explicou Conde, emprendedores, empresarios, universitarios e axentes económicos puideron traballar xuntos nunha ampla gama de actividades, poñendo en valor proxectos, promovendo iniciativas e contribuíndo “á reactivación económica de Ourense e de Galicia”.

Así, o titular de Economía, Emprego e Industria subliñou que o encontro permitiu abordar temas de gran interese como o coñecemento dos principais produtos de financiamento, tanto os bancarios como aqueles achegados pola Administración; a conveniencia e adecuación destes produtos á idea de negocio; o descubrimento de exemplos de éxito doutros emprendedores ourensáns; ou a importancia da innovación como chave do emprendemento empresarial.

“Realidades todas elas dun espírito emprendedor que desde a Xunta estamos a impulsar”, apuntou Conde, quen resaltou que o emprendemento configúrase como un dos eixos sobre os que se sustenta a política económica do Goberno galego.

Por este motivo, proseguiu o conselleiro, a Xunta traballa para “facer da Administración un facilitador de solucións”, eliminando as licencias municipais de obra e actividade coa Lei de Emprendemento”. Ademais, a Consellería presta un apoio integral ao emprendemento que se ten materializado na posta en marcha da Unidade Galicia Emprende, que nos seus primeiros meses asesorou a 500 emprendedores e colaborou na creación de 110 empresas; na formación de 8.000 alumnos e a mentorización de 160 empresarios; on na mellora das posibilidades de conseguir investimento privado a través da Rede de Business Angels.

Así mesmo, apuntou Conde, a Xunta está a crear ou apoiar a posta en marcha de aceleradoras de emprendemento como Galicia Open Future en Santiago, Vía Galicia en Lugo e Vigo, ou Agrobiotech, en Ourense. Esta iniciativa, incidiu, que se desenvolve na Tecnópole, suma 11 pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, que contan cun plan de traballo individualizado que atende ás súas capacidades de xestión, financiamento ou comercialización.

“A todas estas actuacións podemos sumarlles, no que levamos de 2015, o apoio a preto de 50 novas compañías con cerca de 4 millóns en financiamento”, concluíu o conselleiro.