A Xunta salienta a innovación en fabricación avanzada como camiño dos estaleiros e a industria auxiliar cara o naval 4.0

2015-10-06
  • Os directores da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, e do Igape, Javier Aguilera, resaltan o rexurdir do naval galego con 1.800 millóns en contratos e defenden o investimento innovador como camiño para consolidar a recuperación
  • Presentan no CIS Galicia proxectos demostrativos de robótica e novos materiais dentro do convenio acadado con Aclunaga, Aimen e os principais axentes do sector para poñer as tecnoloxías de vangarda ao servizo do naval

Ferrol (A Coruña), 6 de outubro de 2015.- Os directores da Axencia Galega de Innovación-GAIN, Manuel Varela, e do Igape, Javier Aguilera, salientaron hoxe a innovación en fabricación avanzada como camiño dos estaleiros e a industria auxiliar galega cara o chamado Naval 4.0. Durante a xornada Shipbuilding 4.0: dinamización de la capacidad innovadora del sector naval gallego, celebrada no CIS Galicia, Aguilera salientou o rexurdir do naval, que con 1.800 millóns en contratos se ten situado na senda “para recuperar o liderado” do sector, unha meta que, subliñou, só pode acadarse mediante unha decidida aposta polas novas tecnoloxías. Neste senso, Varela apuntou o papel do CIS Galicia como canalizador da innovación galega cara á aplicación dos estándares da Industria 4.0 ao naval, “a través dunha cultura de innovación aberta na que participen estaleiros, empresas auxiliares, centros tecnolóxicos, universidades e a propia administración”.

Con eses obxectivos, e apoiado na Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, e a Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, Varela e Aguilera destacaron o acordo de 2 millóns de euros posto en marcha entre a Xunta e a industria naval galega para dar os primeiros pasos na implantación do Naval 4.0. Un proxecto que une as capacidades do CIS Galicia con Aclunaga, e Navantia; cos centros tecnolóxicos e de coñecemento como Aimen, ITG e Soermar; e co Colegio de Ingenieros Navales.

A través do talento e a formación, así como da adquisición de material mecánico ou electrónico de última xeración, sinalaron, o Goberno galego busca desenvolver proxectos demostradores que permitan acadar tecnoloxías de vangarda, de forma que as empresas poidan incorporalas ás súas ofertas internacionais sen necesidade de que asuman o risco de desenvolvelas e probalas. O acordo, que busca captar máis fondos de Europa para o sector naval, abre ademais a porta a mellorar a competitividade dos estaleiros a industria auxiliar a través da optimización das tecnoloxías existentes, e pon a vista en novos nichos de mercado, apostando pola diversificación do sector a través de sistemas de alto valor tecnolóxico.

No marco deste acordo, Aguilera e Varela presentaron hoxe no CIS tres proxectos capaces de impulsar a competitividade do sector. O primeiro deles, Carlos, é un robot cooperativo froito dunha investigación liderada por Aimen. Destinado a grandes espazos de fabricación, esta máquina fará operacións de marcado e colocación de pernos autosoldables en bloques de superestrutura de buque, unha tecnoloxía que permitirá aumentar a competitividade da industria naval e que xa ten sido probado en Astilleros Valiña.

Os directores de Igape e GAIN tamén amosaron as capacidades do proxecto Conforship, froito do programa Innterconecta, que busca superar a ineficiencia e impredictibilidad no conformado chapas para a fabricación do casco do buque. Mediante este proxecto, se reducirá nun 80% o tempo de fabricación e nun 50% os custos de consumibles.

E, por último, presentaron tres iniciativas de composites para o naval: Mosaic, Co-Patch e Parche, que teñen acadado novos materiais para gañar lixeireza reducindo o consumo de combustible, así como para reparar de forma máis competitiva as estruturas de aceiro.