92 proxectos emprendedores preséntanse en VíaLugo ao programa de aceleración impulsado pola Xunta e a Zona Franca

2015-08-01
  • Os proxectos, desenvolvidos en eidos como as TIC ou o agroalimentario, pasarán unha primeira criba en setembro xunto ás iniciativas presentadas na sede viguesa de VíaGalicia
  • Os seleccionados lucenses na primeira fase levarán a cabo a fase de Academia na sede da CEL, onde serán formados en diversos eidos relacionados co seu proxecto
  • Os gañadores poden optar a apoios de ata 130.000 euros do Goberno galego e a Zona Franca, e participarán na fase de Aceleradora que se desenvolverá en Porto do Molle, en Vigo

Lugo, 1 de agosto de 2015.- Noventa e dous proxectos emprendedores se teñen presentado en VíaLugo, a sede lucense da iniciativa VíaGalicia, ao programa de aceleración de empresas impulsado pola Xunta e a Zona Franca de Vigo. Os proxectos presentados en VíaLugo supoñen preto do 30% do total de 309 ideas de negocio que competirán por acadar o apoio de ambas administracións, mentres que o resto optaron por facelo na sede viguesa do programa, VíaVigo. Do total, máis dun 45% dos proxectos achegados polos emprendedores están vinculados coas TIC e a negocios relacionados coa web e dispositivos móbiles, como apps, plataformas web, ou iniciativas de comercio electrónico, marketplaces. Ademais, tamén destacan ideas pertencentes a outros sectores, como a industria agroalimentaria.

A partir destes primeiros aspirantes a converterse nunha empresa de éxito, se realizará unha primeira criba no mes de setembro na que se seleccionarán 40 ideas de negocio entre os que mellor respondan aos criterios de innovación, acelerabilidade e investibilidade. Aquelas empresas inscritas na sede de Lugo que pasen a esta fase participarán nun Startup Day na sede lucense, que se celebrará de forma paralela a un evento similar celebrado o mesmo día na sede viguesa. 20 compañías serán seleccionadas entre ambas ubicacións nesta segunda criba e pasarán á fase de Academia, que terá lugar paralelamente nas sedes de Lugo e Vigo segundo a escolla dos emprendedores.

Unha vez rematada esta fase, 15 proxectos pasarán á fase final de Aceleradora, que se levará a cabo nas instalacións de Zona Franca en Porto do Molle, en Vigo. Esas 15 iniciativas accederán ata a un máximo de 125.000 euros en forma de capital semente, cofinanciado por un apoio da Axencia Galega de Innovación de ata un máximo de 25.000 euros, ampliable en 5.000 euros para aqueles proxectos rexistrados inicialmente na sede de Lugo; un préstamo participativo con opción de capitalización de XesGalicia, de ata un máximo de 50.000 euros; e un préstamo participativo con opción de capitalización de Vigo Activo, sociedade de capital risco vinculada ao Consorcio Zona Franca de Vigo, de ata un máximo de 50.000 euros.

Dun primeiro análise aos proxectos presentados ata o peche da convocatoria, que tivo lugar o pasado venres, o Comité Técnico de VíaGalicia xa destaca que unha alta porcentaxe deles presenta unha gran calidade na súa proposta, cunha boa identificación da oportunidade de negocio, así como con elementos diferenciadores nas súas solucións, e cun modelo de negocio definido a priori sobre o que pivotar a nova empresa ao longo do programa de aceleración.