Convocados os I Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación

2015-07-10
  • Ábrese o prazo ata o 29 de outubro con galardóns cunha dotación total de 22.000 € en dúas categorías: grupos de investigación aplicada e empresas innovadoras

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2015.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, convoca a primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, dotados con 22.000 euros en dúas modalidades: mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. O prazo de presentación de candidaturas queda aberto ata o 29 de outubro.

Estas dúas entidades, representantes do Sistema Galego de I+D+I, colaboran na posta en marcha deste certame baixo a premisa de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. No caso de Galicia, estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios.

A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascenderá a 6.000 euros netos, aos que se sumará unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

A modalidade empresarial busca o caso de éxito máis representantivo de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Concederaselle á peme galega (incluíndo as micropemes) que acredite a mellor innovación procedente da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascenderá a 12.000 euros netos.

O detalle das bases e da documentación a entregar pode consultarse na web da RAGC (ragc.cesga.es) e nesta ligazón