Conde destaca que o interese de 7 multinacionais amosa a capacidade de Galicia para configurar un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados

2015-07-17
  • O conselleiro de Economía e Industria avanza que Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems, Acciona, Everis e Indra, xunto a máis de 200 compañías, mostraron o seu interese formal no proxecto liderado pola Xunta e no que investirá 45 millóns de euros nos próximos anos
  • Estas empresas estarán o luns en Santiago nun workshop que lles permitirá establecer os primeiros contactos para posibles consorcios entre compañías cara á presentación da oferta
  • O obxectivo do Goberno galego é fixar tecido industrial a través do impulso dun sector emerxente de gran potencial que permita o desenvolvemento de I+D e a fabricación en serie de drons, seguindo os obxetivos marcados na RIS3 e na Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0
  • Os usos que se plantexa a Xunta con este desenvolvemento están vinculados coa prevención de incendios, a xestión eficiente dos recursos do mar, a ordenación do territorio ou a xestión de emerxencias, entre outros
  • A alianza da Xunta co INTA en Rozas (Lugo) funcionará como eixo do novo polo, construíndo un parque tecnolóxico ao redor do aeródromo
  • O contrato co socio ou socios industriais seleccionados no proceso para desenvolvemento do polo se asinará en decembro

Santiago, 17 de xullo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o interese de 7 multinacionais no proxecto para establecer un polo industrial e tecnolóxico no eido dos avións non tripulados amosa a capacidade de Galicia para acadar esa meta. “Xigantes como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems, Acciona, Everis e Indra”, dixo Conde, participarán, xunto as máis de 200 compañías que amosaron formalmente o seu interese no proxecto, no evento organizado pola Xunta en Santiago a partir do luns, no que as empresas poderán tecer alianzas para a presentación de ofertas conxuntas e coñecer polo miúdo o procedemento.

Ademais de pemes, universidades e centros tecnolóxicos galegos, dixo Conde, “teñen amosado o seu interese neste proxecto de empresas procedentes de Estados Unidos, Israel, Alemaña, Suíza ou Italia”. Conde destacou que a Xunta aspira a levar ao sector aeronáutico galego a unha posición similar á que hoxe teñen na comunidade sectores como o naval e a automoción, “facendo do que hoxe é un sector emerxente en Galicia un verdadeiro tractor”.

Con ese obxectivo, Conde lembrou a aposta da Xunta de 55 millóns de euros no proxecto: 10 millóns xa investidos xunto ao INTA no Centro Mixto de Investigación Aerotransportada, 20 millóns destinados á compra pública innovadora de tecnoloxías, e 25 millóns que se adicarán a contratación dun ou varios socios industriais de referencia. O proceso de contratación do socio industrial, que ten comezado coa publicación das bases na páxina web da Axencia Galega de Innovación, concluirá coa firma do contrato en decembro, tras varias roldas de negociación nas que a Xunta trasladará aos candidatos propostas de mellora con respecto ás súas ofertas iniciais.

Trátase dunha aposta, dixo Conde, por fixar tecido industrial en Galicia e aproveitar o potencial dun sector, o dos avións non tripulados, que se estima que xere investimentos por valor de 67.000 millóns de euros ata 2020, “aposta enmarcada dentro da Estratexia RIS3 e a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Neste senso, fixo especial fincapé nas oportunidades que abrirá para Galicia o contrato cun ou varios socios industriais, que suporá o desenvolvemento dun plan de I+D en programas de interese para Galicia; un efecto tractor sobre o sector produtivo e centros de coñecemento; o desenvolvemento dun plan industrial que permita a fabricación de avións non tripulados en serie en Galicia; a capacidade galega para a certificación de desenvolvementos industriais; así como o dereito de uso e libre acceso á tecnoloxía por parte da Xunta, mellorando desta maneira os servizos públicos que presta.

Conde resaltou como criterios de valoración para a selección do socio ou socios industriais, por riba de todo, a colaboración con pemes, centros tecnolóxicos e universidades galegas, un factor que inflúe en 20 dos 30 criterios para a selección do socio.

Usos da tecnoloxía para Galicia

O socio terá como punto de referencia o aeródromo de Rozas, do INTA, ao redor do cal se busca construír un parque tecnolóxico que sirva de plataforma a un reto que permitirá a Galicia desenvolver tecnoloxías en varios eidos.

Así, Conde apuntou os catro retos aos que se enfrontará o programa de I+D do socio industrial: a xestión eficiente dos recursos terrestres, agricultura, gandería e biomasa, dentro do que se atoparían desafíos como a prevención de incendios, a detención de pirómanos, ou os recursos forestais. Como segundo reto se establece a xestión eficiente dos recursos acuáticos, con usos como a vixilancia de verteduras e residuos, e de cuncas hidrográficas. O terceiro reto é a xestión eficiente do territorio, patrimonio cultural e turismo, permitindo solucións para o catastro, o patrimonio histórico ou a cartografía. E por último, o cuarto reto atende á xestión eficiente de emerxencias, facilitando solucións en zonas de desastre, valoracións de catástrofe ou apoio a misións de salvamento.