Conde salienta o potencial de sectores emerxentes como a biotecnoloxía e as TIC para consolidar o crecemento e impulsar a internacionalización

2015-07-14
  • O conselleiro de Economía e Industria participa no I Taller Internacional Marketing Expertise, centrado na comercialización de tecnoloxía cara aos Estados Unidos e outros mercados
  • Destaca que a Estratexia de Internacionalización, na que se inscribe o taller, é clave para consolidar as exportacións galegas, que medraron nun 5,6% no primeiro cuadrimestre, por riba da media estatal
  • Sinala que o sector biotecnolóxico é unha das industrias clave dentro da Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, xogando un papel esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos como o agroalimentario ou a saúde
  • Trinta entidades, centros tecnolóxicos e empresas dos sectores TIC e biotecnolóxico participan nun encontro que terá continuidade nos talleres que se celebrarán mañá na Coruña e o xoves no Porriño

Santiago, 14 de xullo de 2015.- O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa intervención no I Taller Internacional Marketing Expertise, a aposta da Xunta de Galicia por impulsar sectores emerxentes como a biotecnoloxía ou as TIC, claves para consolidar o crecemento e impulsar a internacionalización.

A celebración deste taller, centrado na comercialización de tecnoloxía dos sectores TIC e biotecnolóxico cara aos Estados Unidos e outros mercados, constitúe unha das accións incluídas no eixo que a Estratexia de Internacionalización da Emprega Galega 2020 dedica á cultura da internacionalización. Neste sentido, e segundo destacou o conselleiro, o traballo conxunto entre o tecido empresarial e o Goberno galego neste ámbito configúrase como unhas das claves da positiva evolución das exportacións nos catro primeiros meses deste ano, cando medraron nun 5,6%, por riba da media española.

O titular de Economía e Industria lembrou que a través desta Estratexia a Xunta aspira a incrementar a participación das exportacións no PIB ata o 40% en 2020, aumentar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia, e ampliar o número de empresas exportadoras ata as 8.000.

“Para acadar estes obxectivos traballamos para seguir medrando. Por iso a Estratexia presenta un apoio específico tanto a sectores estratéxicos, cun amplo percorrido no eido internacional, como o naval ou a automoción; como a sectores emerxentes, como a biomasa, a aeronáutica ou a propia biotecnoloxía”, salientou Conde.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria apuntou que o sector biotecnolóxico é unha das industrias clave dentro da Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, xogando un papel esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos como o agroalimentario ou a saúde.

O I Taller Internacional Marketing Expertise está organizado polo Igape en colaboración coa Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea da Universidade da Coruña. Trinta entidades, centros tecnolóxicos e empresas dos sectores TIC e biotecnolóxico participan nun encontro que terá continuidade mañá no CITC da Coruña e o xoves, día 16, na sede de AIMEN, no Porriño.