Conde avanza que a Xunta publicará nos próximos días a convocatoria para seleccionar ao socio tecnolóxico do polo industrial de avións non tripulados de Galicia

2015-07-14
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta que se fixarán os compromisos que terá que adquirir o socio tecnolóxico do proxecto
  • Os candidatos deberán acompañar a súa proposta de I+D dun plan asociado que inclúa, entre outros indicadores, un grao significativo de colaboración con empresas galegas, a creación de emprego e a atracción de investimentos
  • Destaca que as 200 empresas de todo o mundo que xa amosaron o seu interese acudirán a Santiago os días 20 e 21 para analizar a convocatoria e establecer contactos e alianzas
  • A Xunta investirá nesta convocatoria máis de 25 millóns de euros, aos que se sumarán os 20 millóns que se dedicarán a procesos de compra pública innovadora de tecnoloxía, e aos 10 investidos xunto co INTA no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas

Santiago, 14 de xullo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta publicará nos próximos días a convoctoria para seleccionar ao socio ou socios tecnolóxicos da Xunta para o desenvolvemento conxunto do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Galicia, fixando os compromisos que terán que asumir os candidatos. Así, as empresas interesadas deberán aportar un plan de I+D+i, acompañado dun plan asociado que inclúa un grao significativo de colaboración con pemes galegas do sector, a creación de emprego, a activación de oportunidades para outras industrias estratéxicas de Galicia, os acordos con universidades e centros tecnolóxicos galegos, así como a atracción de investimentos.

“Esta primeira convocatoria de 25,5 millóns de euros nos permitirá ter en Galicia un socio tecnolóxico que sirva de tractor, actuando como panca para o noso tecido produtivo a través da subcontratación á pequena e mediana empresa, así como aos centros tecnolóxicos e universidades”, dixo o conselleiro, que lembrou que a esta primeira convocatoria se lle sumará outra de 20 millóns dedicada á compra pública innovadora de tecnoloxía, sumando entre ambas máis de 45 millóns de euros, que se engaden aos 10 millóns destinados xunto co INTA ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas.

Conde lembrou que as máis de 200 empresas de todo o mundo xa amosaron o seu interese por este proceso acudirán os próximos días 20 e 21 a Santiago, onde terán a oportunidade de coñecer a fondo a convocatoria e establecer contacto entre elas de cara á posible participación conxunta neste proxecto.

Unha iniciativa que, destacou o conselleiro, permitirá “que en Galicia poidamos ir un paso por diante na xestión do territorio”, investigando en eidos como a prevención de incendios, o salvamento marítimo, a xestión do territorio, ou o control do furtivismo.