Ampliado ata o 31 de xullo o prazo de inscrición na nova convocatoria da aceleradora de emprendemento Vialugo

2015-07-14
  • O apoio da Consellería de Economía e Industria e do Consorcio Zona Franca multiplícase por tres este ano, sumando 2,2 millóns en respaldos que inclúen axudas para cada un dos 15 proxectos que resulten gañadores
  • Coa nova sede de ViaGalicia na capital lucense esténdese a toda a comunidade o modelo de apoio ao emprendemento innovador iniciado con ViaVigo
  • Os emprendedores de VíaLugo que pasen a última selección recibirán 5.000 euros de axuda para a súa estancia en Vigo na fase de aceleración

Lugo, 14 de xullo de 2015.- A nova convocatoria da aceleradora de empresas ViaGalicia, impulsada pola Xunta e o Consorcio Zona Franca, amplía o seu prazo de inscrición en 15 días, ata o 31 de xullo, co obxectivo de potenciar a participación e buscando achegar as máximas facilidades aos emprendedores que desexen participar na mesma, que poden inscribirse a través das plataformas viavigo.es e viagalicia.gal

Coa nova sede na capital lucense, ViaGalicia estende este ano a toda a comunidade o modelo de apoio ao emprendemento innovador iniciado con ViaVigo. Así, as ideas que xurdan desta terceira edición poden ser maduradas ben na sede da Confederación de Empresarios de Lugo, coa idea de acoller os novos proxectos xurdidos no norte da comunidade, ou no Centro de Negocios de Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra). A sede social da empresa resultante poderase fixar en calquera cidade ou vila de Galicia.

O apoio da Xunta e do Consorcio Zona Franca de Vigo multiplícase por tres este ano, sumando 2,2 millóns en apoios que inclúen respaldos para cada un dos 15 proxectos que resulten gañadores na fase final de ViaGalicia, que poderán recibir apoios económicos de ata 125.000 euros entre axudas directas e capital risco.

Nesta terceira convocatoria da que é unha das aceleradoras de empresas e de emprendedores máis potentes de España, preseleccionaranse ata 40 ideas de negocios por cada unha das sedes entre os que mellor respondan aos criterios de innovación, acelerabilidade e investibilidade. No seguinte paso, celebrarase un “Startup Day” en Lugo e Vigo, no que se escollerán os 20 mellores proxectos que poderán continuar na fase da Academia nas sedes de Lugo e Vigo, nas que expertos titores lles achegarán as ferramentas necesarias para converter as súas ideas en negocios rendibles e sustentables.

Posteriormente, escolleranse os 15 finalistas para a fase de Aceleradora que se celebrará con unha única sede en Porto do Molle. Nesta etapa, aos emprendedores que fixeron a fase de Academia na sede de Lugo facilitaránselle 5.000 euros para sufragar os gastos de desprazamento.

Tanto XesGalicia como a Axencia Galega de Innovación formarán parte do comité que seleccione aos proxectos gañadores, e este ano priorizarase o emprendemento innovador centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3.