Conde destaca o compromiso coa innovación de Castrosúa como clave para incrementar a competitividade e gañar novos mercados

2015-07-13
  • Resalta que a aposta da compañía pola aplicación de solucións innovadoras se plasma no seu liderado de proxectos Innterconecta para a mellora dos sistemas de seguridade e o desenvolvemento de autobuses híbridos e ecolóxicos
  • Salienta que este esforzo innovador súmase á vocación internacional que lle permitiu o ano pasado destinar un terzo da produción a Lituania e contar agora con varios proxectos en marcha en Latinoamérica
  • Subliña o fondo compromiso do grupo con Galicia, materializado desta volta no investimento realizado en Vilagarcía, que permitirá incrementar a especialización, mellorar a competitividade e seguir medrando e xerando emprego

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 13 de xullo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, inaugurou hoxe a ampliación da planta de Carsa, empresa do Grupo Castrosúa, onde salientou que o compromiso coa innovación da compañía se configura como unha das claves para incrementar a súa competitividade e chegar a novos mercados.

O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, salientou que este compromiso innovador se plasma no deseño de novos produtos e na aplicación de solucións adaptadas ás necesidades dos seus clientes. Neste contexto, explicou, Castrosúa está a liderar dous proxectos no marco do programa Innterconecta: un encamiñado á mellora dos sistemas de seguridade dos autobuses, en colaboración co CTAG; e outro para desenvolver un autobús urbano híbrido, ecolóxico e de peso reducido.

Así mesmo, resaltou o conselleiro, o Grupo tamén ten apostado pola eficiencia enerxética instalando, a través da liña de apoio do Inega ao sector industrial galego, luminarias máis eficientes que permiten reducir os consumos nun 80%.

“A este compromiso innovador, que ten feito á compañía merecedora de prestixios premios internacionais, Castrosúa suma o seu esforzo por continuar chegando a novos mercados”, apuntou Conde. Así, das 300 unidades que conformaron a súa produción anual en 2014, un terzo destináronse a unha operación en Lituania, a más importante acción internacional da empresa nos últimos anos. E neste 2015 manteñen a súa aposta pola internacionalización con varios proxectos en marcha para Latinoamérica.

Esta vocación internacional, salientou o titular de Economía e Industria, non só contribúe a reforzar as exportacións como un motor de emprego e crecemento empresarial, senón que consolida a recuperación económica e permite novos investimentos como os realizados na planta de Vilagarcía.

A ampliación desta planta, na que o Grupo ten investido un millón de euros, reflicte, segundo apuntou Conde, “o compromiso de Castrosúa con Galicia”, permitindo á empresa especializarse nun dos seus modelos máis recoñecidos, o Stellae, aumentar a competitividade na fabricación de carrocerías e seguir medrando e xerando emprego na comarca do Salnés e en Galicia.

“Grazas ao esforzo dos seus traballadores, Carsa, e o Grupo Castrosúa no seu conxunto, teñen superado a difícil situación dos últimos anos e hoxe escriben unha nova páxina de futuro”, subliñou Conde.