Conde sinala que a recuperación do sector naval se sustenta na consecución de novos contratos e na capacidade de diversificación

2015-07-07
  • O conselleiro de Economía e Industria participa na reunión do Comité Executivo de Navalia onde destaca que Galicia liderou no 2014 o volume de contratacións estatal cun 36%, ao que suma o valor engadido que ofrece a diversificación
  • Subliña que a próxima edición desta Feira, que busca “situar a Galicia e a Vigo como capital do naval a nivel internacional”, centrará algunha das súas actividades no impulso da eólica offshore
  • Resalta que o peso da industria naval no IPI creceu un 32,6% no mes de maio con respecto ao mesmo mes do ano anterior
  • Avoga pola innovación para consolidar a recuperación do liderado, motivo polo que a Xunta está a impulsar 22 proxectos no ámbito naval que mobilizan máis de 30 millóns

Vigo, 7 de xullo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na primeira reunión do Comité Executivo de Navalia 2016, onde salientou o bo comportamento que está a experimentar o sector naval. “Todos os estaleiros están nun proceso de consolidación da recuperación económica”, apuntou, explicando que dita recuperación se está a sustentar tanto na consecución de novos contratos como na capacidade de diversificación industrial.

Neste sentido, Conde resaltou que no último exercicio Galicia alcanzou o liderado no que a volume de contratacións se refire, acadando o 36% dos contratos que entraron en vigor en España durante o 2014. Unha cifra á que cabe engadirlle a capacidade amosada para participar en eidos como a eólica offshore con proxectos como o Wikinger no que está a tomar parte Navantia abrindo as portas a un mercado de futuro. “A diversificación convértese así nun elemento adicional de diferenciación dentro do naval”, incidiu o conselleiro, quen apuntou que, precisamente, a próxima edición de Navalia centrará algunha das súas actividades no impulso da eólica offshore.

Así mesmo, o titular de Economía salientou que os datos do IPI coñecidos onte subliñan a importancia do sector no conxunto da industria. “O peso da industria naval no IPI creceu un 32,6% no mes de maio con respecto ao mesmo período do anterior exercicio”, explicou Conde, quen apuntou que este incremento configúrase como un dos maiores da última década situando o aumento nun 5,1% no acumulado do ano.

“Esta Feira busca situar a Galicia e a Vigo como capital do naval a nivel internacional”, explicou Conde. Neste contexto, apuntou, Navalia configúrase como unha oportunidade comercial, coa presenza de máis de 90 países, que ofrece o sector naval galego a posibilidade de amosar as súas capacidades, tanto desde o punto de vista da produción como do desenvolvemento de procesos de innovación e tecnolóxicos.

“O futuro do naval ten un sinónimo que son a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico”, salientou Conde. Por este motivo, a Consellería de Economía está a impulsar 22 proxectos innovadores no sector que mobilizan 30 millóns de euros. Entre estes, apuntou, destacan as Unidades Mixtas que suman tres iniciativas centradas na optimización de procesos produtivos, no impulso do deseño e fabricación de eixes de buques, e na procura de solucións tecnolóxicas intelixentes.