A Xunta renova o seu apoio aos centros tecnolóxicos galegos cun investimento de 1,2 M€ para a posta en marcha de seis contratos programa

2015-07-02
  • Precisa que estes contratos programa serán asinados co centro galego do Instituto Español de Oceanografía (IEO), co centro galego do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e, tamén, cos centros da Plataforma de Innovación Sanitaria do Sergas
  • Salienta que o obxectivo destas axudas é transferir ao tecido económico os resultados da investigación destes centros, contribuíndo así á súa consolidación; e, ademais, potenciar a atracción e retención de talento, e incrementar a participación e a captación de fondos europeos de I+D+i
  • Indica que no caso concreto do Instituto de Oceanografía e a Fundación de Medicina Xenómica o financiamento concentrarase na potenciación de liñas estratéxicas de investigación; o primeiro deles, para desenvolver servizos a usuarios dos sectores pesqueiro e marisqueiro e, no tocante á Fundación de Medicina Xenómica, no marco dun programa de I+D+i biosanitario
  • Lembra que a fórmula posta en marcha en 2013 para dotar os centros de coñecemento galegos de financiamento estable, é dicir, non dependente de proxectos concretos, suma desde entón preto de 11M€

Santiago, 2 de xullo de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Xunta vai renovar o seu apoio aos centros tecnolóxicos non universitarios de Galicia a través dun investimento de 1,2 millóns de euros para a posta en marcha de seis contratos programa. É, segundo dixo, unha medida para seguir fomentando a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial galego e incrementar así a competitividade industrial da Comunidade a través da innovación.

O mandatario autonómico detallou que estes contratos programa serán asinados co centro galego do Instituto Español de Oceanografía (IEO), co centro galego do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e, tamén, cos centros da Plataforma de Innovación Sanitaria do Sergas. É dicir, coa Fundación Ramón Domínguez, a Fundación Profesor Novoa Santos, e coa Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Segundo precisou, o obxectivo destas axudas é transferir ao tecido económico os resultados da investigación destes centros, contribuíndo así á súa consolidación. En segundo lugar, tamén se potencia a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano, a través da contratación e consolidación de persoal de I+D e iniciativas, entre outros.

E, como terceiro obxectivo, salientou que estes contratos programa buscan tamén incrementar a participación e a captación de fondos dos programas europeos de I+D+i para posicionar a investigación sanitaria realizada en Galicia dentro do Espazo Europeo de Investigación.

I+D+i biosanitario

Feijóo indicou que no caso concreto do Instituto de Oceanografía e da Fundación de Medicina Xenómica o financiamento concentrarase na potenciación de liñas estratéxicas de investigación. No tocante ao Instituto de Oceanografía, co obxectivo de desenvolver servizos a usuarios dos sectores pesqueiro e marisqueiro; e, no caso da Fundación de Medicina Xenómica, no marco dun programa de I+D+i biosanitario.

Estas axudas, explicou, enmárcanse na aplicación da Estratexia de especialización intelixente (RIS 3), e contan cun financiamento ligado á obtención de resultados contrastables; é dicir, co compromiso por parte de cada centro de desenvolver un programa por obxectivos individualizados. Así, entre os obxectivos específicos figuran, ademais da publicacións e proxectos, a creación de unidades mixtas e de empresas de base tecnolóxica para explotar resultados de investigación.

O titular da Xunta sinalou que estes contratos programa complementan outro tipo de actuacións como o Conecta Peme ou as Unidades mixtas de investigación, e dan continuidade aos aprobados recentemente para os seis centros tecnolóxicos consolidados como son AIMEN, Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e EnergyLab.

Nesta liña, lembrou que a fórmula posta en marcha en 2013 para dotar os centros de coñecemento galegos de financiamento estable, é dicir, non dependente de proxectos concretos, suma desde entón preto de 11 M€.