A Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 está a mobilizar desde a súa orixe 220 millóns de euros en innovación galega

2015-06-11
  • O Goberno galego destinou máis de 113 millóns a impulsar esta folla de ruta da innovación sustentada no apoio ás pemes, a implicación do capital privado, a transferencia de resultados e o emprendemento innovador
  • Este esforzo investidor, unido á solvencia das contas públicas, permitiu iniciar a execución da RIS3, que se verá acelerada coa activación do período orzamentario Feder 14-20 contribuíndo ao crecemento económico e á creación de emprego
  • Preto do 60% do capital mobilizado céntrase na mellora da competitividade e a diversificación industrial, segundo os tres retos da Estratexia, no contexto da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0
  • As pequenas e medianas empresas son as destinatarias do 94% dos apoios facilitando a transferencia do coñecemento ao tecido empresarial galego, conformado na súa maioría por pemes
  • As grandes empresas, a través de programas como as unidades mixtas de investigación, son os axentes cun maior efecto mobilizador, achegando 5 euros por cada euro recibido

O Goberno galego, na súa aposta pola innovación como un dos piares do crecemento e a mellora competitiva do tecido produtivo galego, está a desenvolver a Estratexia de especialización intelixente de Galicia – RIS3. Esta estratexia, cuxo balance de actuacións coñeceu hoxe o Consello da Xunta, está a mobilizar 220 millóns de euros en innovación desde a súa orixe a partir dun investimento público de 113 millóns. Unhas cifras que se verán incrementadas coa convocatoria que vén de activarse de 45 millóns para implantar un polo tecnolóxico para avións non tripulados en Rozas, así como coa participación de Galicia na presente edición do programa Feder-Innterconecta, dotado con 110 millóns.

Esta capacidade de mobilización de capital está sendo posible grazas ao esforzo investidor da Xunta e á solvencia das contas públicas galegas, e se verá acelerada coa activación do período orzamentario dos Feder 14-20. Galicia ten sido, así, das poucas comunidades capaces de iniciar a execución da súa RIS3 sen agardar aos fondos estruturais, cuxa chegada este ano acelerará aínda máis o impacto da Estratexia na economía galega.

O desenvolvemento da RIS3 está a permitir impulsar unha política galega de innovación sólida e eficiente, con capacidade para promover a competitividade empresarial, o crecemento económico e a creación de emprego estable. Así, a Estratexia susténtase no apoio ás pemes, na implicación do capital privado, na transferencia de resultados da investigación ao tecido empresarial, e no emprendemento innovador.

Neste contexto, dos tres retos propostos pola RIS3, a mellora da competitividade e a diversificación da industria concentrou cerca do 60% da mobilización de capital, case 130 millóns de euros, en liña coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 coa que o Goberno galego busca modernizar o tecido industrial da Comunidade. A xestión innovadora dos recursos naturais e culturais concentrou o 27% dos fondos mobilizados, e o resto correspondeulle ao desenvolvemento dun novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Así mesmo, o apoio ás pequenas e medianas empresas é outro dos puntos destacados da Estratexia, acadando o 94% das axudas concedidos ao sector produtivo. Deste xeito, facilítase a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial galego, conformado na súa maioría por pemes, ao tempo que se impulsa a mellora da súa competitividade e o crecemento da economía galega.

Atracción de capital privado

Pola súa banda, cómpre salientar que as grandes empresas foron os axentes que demostraron unha maior capacidade mobilizadora de capital, de forma que por cada euro recibido en axudas públicas con cargo á RIS3 achegaron máis de 5 euros.

Esta atracción de capital privado, unido á transferencia de resultados da innovación á empresa, suman case o 75% dos fondos destinados e configúranse como os eixos máis relevantes no desenvolvemento da RIS3, contribuíndo ao crecemento económico e á xeración de emprego. Neste sentido, programas como as unidades mixtas de investigación teñen permitido activar preto dunha vintena de alianzas entre centros de coñecemento galegos e grandes empresas líderes dos seus sectores, como PSA Citröen, Navantia, Vulcano, Roche Farma ou Coren, que están a mobilizar máis de 70 millóns de euros creando máis de 250 empregos de alta cualificación.

Así mesmo, outro tipo de iniciativas como os contratos-programa supoñen unha aposta moi importante para facilitar a chegada dos resultados da investigación ao mercado de cara a que o coñecemento sexa a base da competitividade da economía galega no mercado global.

Neste sentido, os instrumentos activados contribuíron a mellorar a capacidade dos axentes do Sistema galego de I+D+i para competir a nivel internacional. Así o demostra o nivel de captación de fondos procedentes do programa Horizonte 2020, que neste primeiro ano de execución se incrementou en máis dun 200% en relación ao mesmo período do anterior, o 7º Programa marco. Ademais, Galicia lidera o 38% dos proxectos concedidos no H2020, catro veces máis que no mesmo período do anterior programa.