Economía e Industria resalta a capacidade das empresas e centros galegos para captar boa parte dos 110 millóns do Innterconecta

2015-06-15
  • A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu hoxe o obradoiro práctico Agroalimentación, Biotecnoloxía e Tecnoloxías da Saúde, para a presentación de propostas á nova convocatoria do programa
  • As dúas edicións anteriores desta iniciativa permitiron mobilizar máis de 210 millóns a través dun cento de proxectos executados por consorcios nos que participan 400 empresas galegas
  • Os sectores da alimentación, a saúde e a biotecnoloxía teñen mobilizado máis de 43 millóns de euros en innovación en Galicia grazas ao Innterconecta e o Conecta Pemes
  • As unidades mixtas activadas no último ano nestes sectores superan os 35 millóns de investimento público-privado, a metade do total

Santiago, 15 xuño de 2015.- A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu hoxe un obradoiro práctico para a presentación de propostas á nova convocatoria do programa FEDER-Innterconecta, co obxectivo de incrementar as capacidade das empresas e centros de coñecemento galegos para captar boa parte dos 110 millóns de euros dispoñibles. Durante a xornada, organizada en colaboración con varios clústers e entidades relacionadas coa I+D+i, os participantes tiveron ocasión de revisar as súas propostas con técnicos especializados do CDTI para melloralas antes da súa presentación, cuxo plazo remata o 30 de xuño.

Os asistentes valoraron a exitosa experiencia das anteriores edicións do FEDER-Innterconecta en Galicia, con máis de 210 millóns mobilizados grazas a un cento de proxectos de innovación de alto impacto executados por consorcios participados por 400 empresas, configurándose como un excelente precedente para aspirar ao máximo posible nesta nova convocatoria.

Os resultados colleitados grazas a este instrumento, que avalan a aposta polos proxectos consorciados empresas-centros, permitiron sentar as bases para as novidosas medidas de impulso á transferencia de coñecemento contempladas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

Obradoiros como o celebrado hoxe reforzan a liña da Xunta de crear o marco axeitado para que as empresas, especialmente as pemes, e os centros de coñecemento galegos teñan un acceso razoablemente doado aos fondos europeos, acompañando a estes axentes con asesoramento especializado e personalizado.

En liña coa RIS3

O evento desta mañá, organizado pola GAIN, o CDTI, Anfaco-Cecopesca e o Clúster da Saúde, estivo centrado nos sectores da alimentación, a biotecnoloxía e as tecnoloxías da saúde. Estes son campos de innovación prioritarios para Galicia, segundo se recolle na RIS3. O envellecemento activo e a alimentación saudable e segura protagonizan un dos tres retos da Estratexia, mentres que a biotecnoloxía está considerada unha tecnoloxía facilitadora de primeira orde con capacidade para favorecer a inmersión de Galicia na economía do coñecemento.

Os sectores galegos da alimentación, a biotecnoloxía e as tecnoloxías da saúde mobilizaron máis de 43 millóns de euros grazas ás dúas edicións anteriores do programa Innterconecta e ás dúas do Conecta Pemes.

Este impulso á colaboración entre empresas e centros de coñecemento, unido ao obxectivo de atraer capital privado á I+D+I galega, vese reforzado polas unidades mixtas. A través de dúas convocatorias lanzadas nun prazo inferior a un ano, estanse a mobilizar máis de 70 millóns de euros para xerar innovacións de alto impacto en sectores estratéxicos para a economía galega, dos cales máis da metade (35,8 millóns) se corresponden con proxectos relacionados coa alimentación e a saúde.