A Axencia Galega de Innovación aposta pola transferencia de resultados ao mercado como aval de futuro da investigación galega en fármacos

2015-06-11
  • Destaca a mobilización de preto de 320 millóns en programas da Consellería de Economía e Industria que impulsan esa transferencia de coñecemento a través das iniciativas Innterconecta, Conecta Pemes e Unidades Mixtas de Investigación
  • Subliña que mediante esas unidades mixtas, multinacionais como Laboratorios Esteve e Roche Farma están a desenvolver proxectos de investigación en Galicia
  • Defende o papel da compra pública innovadora para que a Administración exerza un nivel tractor determinante sobre a comunidade científica e a industria galega

Santiago, 11 xuño de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, destacou hoxe nunha xornada sobre investigación de novos fármacos que a capacidade da comunidade científica galega neste campo está probada e que o futuro pasa por intensificar os procesos de transferencia de resultados ao mercado. “A conversión do coñecemento en innovación capaz de competir globalmente nun sector tan esixente é determinante para que Galicia siga o seu camiño para converterse nun referente neste campo”, afirmou.

Durante a xornada presentáronse as liñas de investigación no descubrimento de novos fármacos que están a levar a cabo o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materias Moleculares (CIQUS), ambos os dous centros singulares vinculados á Universidade de Santiago de Compostela.

Na mesa redonda posterior, na que se analizou o traxecto dunha investigación desde o descubrimento do fármaco no laboratorio ata a súa aplicación no paciente, Varela destacou os novos instrumentos habilitados pola Consellería de Economía e Industria no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para favorecer a traslación dos resultados de investigación á empresa, un aspecto que demostrou xa a súa relevancia polo nivel de investimento total destinado a el neste primeiro ano de execución da RIS3.

Estas medidas estanlle a dar continuidade a instrumentos de probada eficacia como o programa Innterconecta, froito da coordinación da Xunta co Ministerio de Economía para apoiar proxectos en colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos e de investigación, que en anteriores edicións permitiu mobilizar en Galicia máis de 210 millóns de euros e que agora activa unha nova convocatoria con 110 millóns.

Varela fixo referencia tamén ao Conecta Pemes, que desde 2013 mobilizou 46 millóns de euros, con 245 empresas beneficiarias e a creación de 638 empregos a través de 60 proxectos innovadores.

Este impulso á colaboración entre empresas e centros de coñecemento, unido ao obxectivo de atraer capital privado á I+D+I galega, vese reforzado polas unidades mixtas, na que no seu momento foi a primeira medida activada no marco da RIS3 e que xa lanzou dúas convocatorias nun prazo inferior a un ano.

Segundo destacou Varela, a través da vintena de unidades constituídas ata o de agora estanse a mobilizar máis de 70 millóns de euros para xerar innovacións de alto impacto en sectores estratéxicos para a economía galega, como é o caso do farmacéutico.

“Desta última convocatoria saíu a unidade impulsada pola Fundación Ramón Domínguez e a multinacional Roche Farma para desenvolver proxectos de investigación en medicina oncolóxica personalizada. Na anterior fora xa apoiada outra da USC con Laboratorios Esteve para deseñar fármacos contra a dor crónica. En total, estas unidades mobilizan máis de 5 millóns de euros”, lembrou Varela. Ademais, o director da GAIN destacou a aposta recollida expresamente na RIS3 pola compra pública innovadora.

“A experiencia do H2050 e do Innova Saúde, que xa son referentes a nivel internacional, permitiu activar dous programas de compra pública precomercial, o Innova Suma e o PRIS, cun efecto tractor que de novo estenderá os seus beneficios a todo o Sistema de Innovación e a toda a contorna socioeconómica galega”, subliñou.