GAIN, CDTI, ANFACO e Clúster de Saúde organizan un obradoiro de revisión de propostas á convocatoria FEDER-Innterconecta 2015

2015-06-08
  • A xornada está dirixida á orientar e asesorar sobre propostas de proxectos no ámbito da alimentación, a biotecnoloxía e as tecnoloxías da saúde

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2015.- O vindeiro 15 de xuño a sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago de Compostela acollerá o obradoiro de revisión de propostas ao programa FEDER-Innterconecta 2015, a convocatoria do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) destinada a fomentar a cooperación interrexional en investigación e desenvolvemento. O evento, organizado por GAIN, CDTI, ANFACO-CECOPESCA e o Clúster da Saúde, estará centrado nos sectores da alimentación, a biotecnoloxía e as tecnoloxías da saúde.

Nel participarán representantes de CDTI e de GAIN, que informarán dos aspectos prácticos da convocatoria e dos instrumentos de financiamento público á I+D+i en Galicia, respectivamente. Non obstante, o groso do programa terá un carácter práctico e estará centrado na revisión de propostas de proxectos a través de reunións bilaterais con persoal de CDTI.

Aquelas empresas que teñan un proxecto avanzado centrado nalgún destes sectores poden solicitar unha reunión bilateral para recibir orientación e asesoramento sobre as súas propostas. O programa completo da xornada, así como o formulario de inscrición, están dispoñibles no seguinte enlace.

Programa Innterconecta 2015

Esta convocatoria ten actualmente aberto o prazo de solicitude, até o 30 de xuño, e constitúe unha oportunidade de financiamento interesante para as entidades galegas, xa que conta cunha dotación orzamentaria total de 110 millóns de euros en formato de subvención.

Os proxectos obxecto de axuda son proxectos de desenvolvemento experimental en cooperación, cun orzamento financiable de entre 1 e 4 millóns de euros, con carácter plurianual (2/3 anos) e deberán desenvolverse nunha comunidade autónoma destinataria de fondos FEDER (Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela A Mancha, Extremadura, Murcia, Ceuta e Melilla).

Os destinatarios das axudas son agrupacións de empresas constituídas por entre dúas e seis empresas, das que alomenos unha delas deberá ser grande ou mediana e outra, PEME. A contía de cada axuda individual dependerá do custo financiable real do proxecto, do tipo de beneficiario e da dispoñibilidade orzamentaria, oscilando a intensidade da axuda máxima entre un 40% para as grandes empresas, un 50% para as medianas e un 60% para as pequenas empresas.