Feijóo apela ao traballo unitario da industria conserveira galega e á súa vertente innovadora como claves para consolidar o incremento das exportacións

2015-05-28
  • Indica que o sector industrial e transformador de conservas de peixe e marisco galego exportou o pasado ano un volume próximo ás 120.000 toneladas de preparados, conservas e semiconservas, que acadaron un valor de case 485 millóns de euros
  • Recalca que se trata dunha industria na que Galicia xera o 86% do volume producido a nivel estatal e o 85% do valor que acada no mercado, que en 2014 supuxo un total de 296.000 toneladas cun valor de 1.200 millóns de euros
  • Destacou que Anfaco-Cecopesca é un dos axentes activos cos que a Xunta está a desenvolver o seu programa para crear unidades mixtas de innovación entre empresas e centros tecnolóxicos; un programa que acaba de inaugurar a súa segunda edición na que mobilizará 70 millóns de euros, 26,5 millóns no ámbito da alimentación
  • Expresa o apoio da Xunta ao sector fronte a retos como acadar un continxente de lombos de atún equilibrado; dar continuidade a un método de control hixiénico- sanitario que afianza o traballo galego na aplicación do novo sistema de control de biotoxinas; ou asegurar a competitividade da industria

Vigo, 28 de maio de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe ao traballo unitario da industria conserveira galega e á súa vertente máis innovadora como claves para consolidar a súa internacionalización. No acto de entrega das medallas de Anfaco-Cecopesca, o mandatario autonómico destacou que en 2014 as exportacións no sector medraron un 3% con respecto ao ano anterior; e, nesta liña, avogou por seguir apostando polo esforzo conxunto e pola I+D+i para consolidar esta tendencia.

Feijóo indicou que o sector industrial e transformador de conservas de peixe e marisco galego exportou o pasado ano un volume próximo ás 120.000 toneladas de preparados, conservas e semiconservas, que acadaron un valor de case 485 millóns de euros. E recalcou que se trata dunha industria na que Galicia xera o 86% do volume producido a nivel estatal e o 85% do valor que acada no mercado, que en 2014 supuxo un total de 296.000 toneladas cun valor de 1.200 millóns de euros.

O presidente da Xunta subliñou que o sector da conserva é o gran elo da cadea mar-industria en Galicia e, nesta liña, considerou que Anfaco-Cecopesca deixa constancia da súa dimensión económica no país, posto que as 212 empresas que integran esta asociación acadan unha cifra de facturación global de 6.000 millóns de euros e empregan a 25.000 traballadores, 12.000 deles na Comunidade.

Unha industria innovadora

Salientou que este sector hai tempo que atopou na I+D+i a ferramenta para gañar en competitividade e facer fronte aos retos comerciais actuais; e como proba destacou o traballo que está a realizar o Centro Nacional Técnico de Conservación de Produtos da Pesca, Cecopesca, que, cada ano, desenvolve máis de 65 proxectos innovadores de eido nacional e internacional.

Nesta liña, destacou que Anfaco é un dos axentes activos cos que a Xunta está a desenvolver o seu programa para crear unidades mixtas de innovación entre empresas e centros tecnolóxicos; un programa que acaba de inaugurar a súa segunda edición na que mobilizará 70 millóns de euros, 26,5 millóns no ámbito da alimentación. Así, indicou que Anfaco súmase a esta iniciativa promovendo un plan de traballo conxunto coas empresas Calvo e Conserveira de Esteiro para desenvolver novas formas de incorporar as TIC aos procesos de produción. Ao igual que fixo na primeira edición deste programa, cun proxecto común co Grupo Jealsa Rianxeira para avanzar en tecnoloxías que reduzan o impacto ambiental e melloren os sistemas de produción acuícola.

Apoio da Xunta

Feijóo manifestou ademais o apoio da Xunta ao sector para cumprir obxectivos como dispoñer dun continxente de lombos de atún que asegure un punto de equilibrio que atenda as demandas de todas as partes implicadas. E, ao respecto, sinalou que o Goberno galego e a industria están a traballar para poder ampliar este continxente ata unha cifra no contorno das 30.000 toneladas ao 0% de arancel para o período 2016-2018.

Segundo precisou, as conservas de túnidos representan case o 70% do total das producidas en España, polo que Galicia, dixo, considera positivo que as conserveiras teñan acceso á maior cantidade posible de materia prima nas condicións máis vantaxosas.

Outro dos retos cara aos que a Xunta traballa conxuntamente coa industria é para dar continuidade a un sistema de control hixiénico-sanitario que afianza o traballo galego na aplicación do novo método de control de biotoxinas. E, en terceiro lugar, apuntou que Goberno galego e sector cooperan, tamén, para asegurar a competitividade da estrutura produtiva e laboral desta industria. Como proba, mencionou que a Xunta está a ultimar a nova planificación estratéxica da actividade conserveira; e lembrou os máis de 100 millóns de euros que a Xunta destinou desde 2012 á modernización dos procesos de produción neste eido.

Enriquecer a estrutura produtiva do sector

Finalmente, sobre os galardoados, subliñou que tanto a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina; como a directora do Laboratorio de Referencia de Biotoxinas Mariñas da UE, Ana Gago; a traballadora desta industria, Rosa García; e o presidente de Afamsa (Agrupación de Fabricantes de Aceites Mariños), Eugenio Buján García, representan a importancia vital do emprego feminino neste sector, e daquelas pezas da cadea mar-industria que axudan a enriquecer a súa estrutura produtiva.