Once empresas Bio galegas aumentarán a súa capacidade competitiva co programa Agrobiotech de Economía e Industria

2015-05-28
  • A través dun investimento de 700.000 euros, estas pemes incremenarán nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado e noutro 15% as súas vendas no exterior
  • O programa de aceleración da innovación ofrecerá asesoramento individualizado a cada empresa e terá as súas bases de operacións na Tecnópole, en Ourense, e no Cetal, en Lugo
  • As empresas participantes pertencen aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, estratéxicos para o crecemento da economía galega

Santiago, 28 maio de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, no marco do seu apoio ao incremento da competitividade das empresas galegas a través da innovación, ven de seleccionar as pemes que participarán na primeira edición do programa AgroBiotech. Ao longo de sete meses, estas once empresas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, recibirán soporte individualizado para incrementar o seu potencial innovador e acceder a novos mercados e vías de financiamento.

A través dun investimento de 700.000 euros, Agrobiotech proporcionará unha folla de ruta á medida de cada peme en función das súas necesidades e axudarálle a desenvolvela baixo a titorización dun cualificado equipo de expertos e mentores, que se desprazarán a cada empresa para traballar man a man cos seus responsables. O obxectivo é lograr que cada unha aumente a súa facturación e incremente nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado e noutro 15% as súas vendas no exterior.

Ademais, o programa de aceleración da innovación completarase con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores que terán lugar nas bases operativas de Agrobiotech: o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, en Ourense, e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario – Cetal, en Lugo.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), na que se recollen as prioridades de innovación ata 2020. O sector agroalimentario está contemplado nela por partida dobre, tanto no reto de modernización dos sectores primarios como no relativo ao desenvolvemento de alimentos funcionais para un modelo de vida saudable. A biotecnoloxía está considerada unha tecnoloxía facilitadora de primeira orde para Galicia, fundamental polo seu potencial para a diversificación da industria galega e o impulso da economía do coñecemento. Polo que respecta á biomasa, é protagonista na prioridade de mellorar a obtención de enerxía a partir dos recursos naturais.

Por outra parte, na RIS3 establécese a importancia de que o sector privado galego desenvolva unha maior capacidade para captar fondos destinados á innovación. No programa AgroBiotech, as pemes participantes recibirán soporte especializado e práctico para ter un mellor acceso ao programa europeo Horizonte 2020, a novos instrumentos financeiros e a fondos de capital risco, co apoio de Xesgalicia. Polo que se refire á proxección exterior, as empresas recibirán soporte no seu acceso aos programas de internacionalización e aos préstamos Jeremie do IGAPE. Ademais, o Agrobiotech, xestionado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), contará coa colaboración das asociacións de empresas bio galega e española (Bioga e Asebio).

Das catro provincias

As empresas que se integran no AgroBiotech proceden das catro provincias galegas, con tres de Lugo, unha de Ourense, dúas de Pontevedra e cinco da Coruña. O sector con maior representación é o da biotecnoloxía, composto por empresas que xa demostraron a súa capacidade innovadora e que agora precisan consolidar un posicionamento competitivo no mercado. Trátase de AMSlab, Nanogap, Galchimia, Cifga, Fica Bosques Naturales e Ecocelta Galicia, que basean a súa actividade no desenvolvemento de novos métodos analíticos, na nanotecnoloxía, na síntese de fármacos innovadores, nos certificados de biotoxinas mariñas, na explotación de madeiras nobres e na valorización de residuos mediante a compostaxe, respectivamente.

Do sector agroalimentario participarán tres empresas que aspiran a desenvolver as súas gamas de produtos innovadores e expandir os seus mercados. Son CodeBio, Freshcut e Vitivinícola do Ribeiro, orientadas á produción de complementos alimenticios de alto valor nutricional, ao deseño de novas gamas de froitas e hortalizas para o consumo directo e á elaboración de bebidas innovadoras.

O sector da biomasa está representado por Cerna e Betanzos HB, ambas as dúas centradas na valorización dos residuos forestais como recursos enerxéticos.