Conde salienta que a mobilización de 200 millóns en apoio ás TICs coloca o sector como columna vertebral da industria 4.0 en Galicia

2015-05-26
  • O conselleiro de Economía e Industria participou na asemblea de Ineo e inaugurou a xornada Telecomunicacións e TIC: impulsoras da Innovación
  • Destaca o respaldo do Goberno galego á colaboración innovadora entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades a través de 66 proxectos dos programas Innterconecta, Conecta Pemes e Unidades Mixtas
  • Defende que o sector TIC e a Universidade de Vigo “teñen moito que dicir” na renovada aposta da Xunta polo sector aeronáutico, coa creación do polo industrial e tecnolóxico galego
  • Subliña as oportunidades que o sector terá para consolidar o seu liderado grazas aos apoios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)

Vigo, 26 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a mobilización de 200 millóns de euros en apoios da Xunta ás TICs durante os últimos anos teñen colocado ao sector como columna vertebral da implantación da Industria 4.0 en Galicia. Conde, que participou na asemblea da Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación (INEO), e inaugurou a xornada Telecomunicacións e TIC: impulsoras da Innovación celebradas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, incidiu no respaldo do Goberno galego ao sector a través de varias ferramentas: en primeiro lugar mediante o apoio ao investimento e ao financiamento, que suma 100 millóns de euros mobilizados nos últimos anos; e en segundo mediante apoios á innovación, cos que o Goberno galego ten respaldado a colaboración innovadora entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades a través de 66 proxectos dos programas Innterconecta, Conecta Pemes e Unidades Mixtas.

Máis de 200 compañías galegas participaron nestes proxectos, que abarcaron iniciativas como un sistema intelixente para xestionar de maneira integrada a atención a enfermos crónicos; un sistema de cartografía para tecnoloxías de voo autónomo; ou un sistema robótico de asistencia na rehabilitación clínica. A todos eses proxectos se lles suman outras iniciativas como o proxecto Táctica, que canaliza 9 millóns de euros do fondo tecnolóxico europeo para Galicia, e “co que estamos a dar continuidade ao traballo de AtlanTIC na Universidade de Vigo, e a crear un caldo de cultivo axeitado para impulsar a transferencia de tecnoloxías TIC á industria e crear novas spin offs”.

Conde apuntou o impulso que suporá para o sector a terceira convocatoria do Innterconecta, que mobilizará 110 millóns de euros en proxectos innovadores, e destacou a oportunidade que suporá para o sector TIC e para a Universidade de Vigo a aposta polo sector aeronáutico do Goberno galego, coa creación dun polo industrial e tecnolóxico galego de referencia en avións non tripulados para aplicacións civís.

O conselleiro salientou que esta proxecto suporá o investimento de 25 millóns para a contratación dun ou varios socios tecnolóxicos, así como doutros 20 millóns que a Xunta destinará á compra pública innovadora de tecnoloxías. Nesa renovada aposta polo aeronáutico galego, destacou Conde, tanto o sector TIC como a Universidade de Vigo “desenvolverán un papel fundamental”.

A estas iniciativas, apuntou o conselleiro, se suman a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). A primeira busca a reinvención da industria galega a través da implantación da fábrica intelixente, para o que as TICs serán estratéxicas; e a segunda ten presente as tecnoloxías da información e da comunicación nos tres retos que marca para deseñar a economía galega do 2020.

Á RIS3, coa que Galicia está a mobilizar 1.600 millóns en proxectos innovadores, se suman ademais os fondos que as empresas galegas poden captar en colaboración con socios portugueses, grazas á RIS3 transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, sinalou o conselleiro.

Por último, Conde destacou o papel xogado polo presidente saínte de INEO, Jorge Cebreiros, “que ten xogado durante estes oito anos un papel fundamental na expansión das TIC en Galicia”, e apuntou a Industria 4.0 como principal reto do novo presidente da asociación, Carlos Conde.