Conde destaca que a nova app de realidade virtual do Mercado de Santiago contribuirá a reforzar o seu atractivo turístico

2015-05-22
  • O conselleiro de Economía e Industria presentou hoxe a nova aplicación realizada polo CIS Galicia, que formará parte dun proxecto máis amplo a través do cal se achegará información sobre todas as prazas galegas, así como dos mercados tradicionais
  • A praza compostelá participa na campaña internacional “Quere o teu mercado”, impulsada pola Xunta en máis de 50 prazas galegas para poñer en valor o papel que xogan os mercados na economía, na cultura e na sociedade

Santiago, 22 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a nova app de realidade virtual do Mercado de Santiago contribuirá a reforzar aínda máis o atractivo turístico desta infraestrutura tras a súa remodelación. Realizada polo CIS Galicia, que ten entre os seus obxectivos achegar estas tecnoloxías aos sectores estratéxicos da economía galega, a ferramenta presentada hoxe, coincidindo coa campaña Quere o teu mercado, permite realizar un paseo virtual pola praza e percorrer os seus recunchos desde calquera dispositivo Android.

A aplicación formará parte dun proxecto máis amplo no que xa está a traballar a Consellería de Economía e Industria, a través do cal se ofrecerá información sobre todas as prazas galegas, así como dos mercados tradicionais.

A praza de abastos de Santiago é unha das máis de 50 de toda Galicia que están a participar na campaña Quere o teu mercado, que se celebra en 16 países de Europa, América e Asia entre o 15 e o 30 de maio, e coa que a Xunta busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos. En colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio póñense en marcha diferentes actividades lúdicas, que culminarán o 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados. No marco de Quere o teu mercado, impúlsanse nas prazas galegas participantes actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, e iniciativas nas redes sociais e na páxina web www.quereoteumercado.gal, entre outras.