Feijóo concreta que as unidades mixtas de innovación promovidas pola Xunta mobilizan 70 millóns en sectores estratéxicos de Galicia, como o naval ou a automoción

2015-05-21
  • “Trátase de promover a creación de polos tecnolóxicos de excelencia en sectores estratéxicos da nosa economía para adiantarnos ás necesidades do futuro e que poidan situarse nunha situación de vantaxe competitiva”, incide

Santiago, 21 de maio de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a resolución da segunda edición do programa encamiñado á creación de centros de innovación mixtos por parte de empresas e organismos de investigación galegos que, neste 2015, mobilizará preto de 50 millóns de euros para poñer en funcionamento 11 novas unidades mixtas.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que nos dous primeiros anos deste proxecto teranse mobilizado 70 millóns en 19 unidades mixtas de innovación, que van traballar para desenvolver liñas de traballo en sectores estratéxicos para Galicia que representen focos de innovación de alto impacto.

O titular da Xunta subliñou tamén que as 11 unidades mixtas crearán 165 empregos de alta cualificación, que se suman aos 105 postos de traballo xerados na primeira edición; é dicir, un total de 270 novos empregos cualificados.

Así mesmo, afirmou que permitirá desenvolver produtos e técnicas innovadoras para os sectores estratéxicos galegos. Deste xeito, e no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, catro das iniciativas van a centrar os seus esforzos na procura dun modelo industrial baseado na fábrica intelixente.

Feijóo afirmou que a maior parte das unidades tentarán dar resposta ao reto de incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega. E, neste sentido, avanzou que: tres novas unidades mixtas súmanse ás tres existentes no sector da automoción, mentres que outras tres inauguran a nómina de unidades no ámbito naval; a alimentación, con dúas; as TIC, con unha; o medio ambiente, con outra; e a saúde, con unha tamén.

No tocante ás unidades mixtas do naval, e cunha mobilización de 8 millóns de euros, o presidente do Goberno galego destacou que a alianza de Navantia coa Universidade da Coruña ten como obxectivo optimizar os procesos produtivos para que os estaleiros galegos sexan máis competitivos en relacións co resto de Europa; Wartsila Ibérica e Aimen traballarán xuntos para mellorar o deseño e fabricación de eixes de buques; e Vulcano e Aimen desenvolverán solucións tecnolóxicas de fabricacións que sexan, flexibles e de baixo custo para o sector da construción naval.

Sobre a automoción, cunha mobilización de 7 millóns de euros, Feijóo aseverou que o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) está presente en dúas das novas unidades mixtas relacionadas co seu sector: “Con PSA Citröen deseñará e porá en marcha unha instalación piloto que reflectirá a evolución cara á industria automovilística 4.0, con aplicacións de robótica; mentres que con Viza obterá armaduras de asentos de altas prestacións en canto a peso, ergonomía e resistencia”, explicou, ao que engadiu que a terceira unidade no marco deste sector nace da alianza entre Aimen e GKN Driveline Vigo e ten como obxectivo o desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación de alto rendemento de compoñentes de transmisión para vehículos.

En relación ás unidades do sector da alimentación, onde se mobilizan 26,5 millóns de euros, cómpre salientar que o traballo conxunto entre as empresas Calvo e Conservera de Esteiro con Anfaco busca desenvolver o modelo de fábrica do futuro para o sector. E Coren e o Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver xa sete proxectos estratéxicos en áreas como a cría do polo e o porco.

No ámbito da saúde, a Fundación Ramón Domínguez e a multinacional Roche Farma desenvolverán proxectos de investigación en medicina oncolóxica personalizada, cunha mobilización de 2,5 millóns.

A unidade mixta do sector TIC está promovida por TRC Informática e Gradiant, co fin de desenvolver tecnoloxías intensivas en coñecemento para a súa transferencia ao mercado global de solucións de seguridade, tanto pública como privada, cunha mobilización de dous millóns de euros.

E, por último, no ámbito do medio ambiente, o Centro Tecnolóxico da Auga (CETAQUA) e a empresa Viaqua crearán sistemas compactos e avanzados para o tratamento de augas adecuados á dispersión poboacional en Galicia, cunha mobilización de 2,3 millóns de euros.

“En definitiva, trátase de promover a creación de polos tecnolóxicos de excelencia en sectores estratéxicos da nosa economía para adiantarnos ás necesidades do futuro e que poidan situarse nunha situación de vantaxe competitiva”, incidiu Feijóo.