Conde salienta os 110 millóns de euros da nova convocatoria do Innterconecta como unha oportunidade para consolidar o liderado innovador das empresas galegas

2015-05-20
  • O conselleiro de Economía e Industria destaca o papel clave do Estado, a través do CDTI, na posta en marcha dunha nova edición do programa, que primará a colaboración entre empresas de distintas Comunidades Autónomas
  • Subliña que Xunta e Estado ampliarán a colaboración para garantir a complementariedade das axudas á innovación, cubrindo as necesidades das empresas pero evitando sobrecustes

Santiago, 20 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe os 110 millóns de euros da nova convocatoria do programa Innterconecta como unha oportunidade para consolidar o liderado innovador das empresas galegas. “O Estado, a través do CDTI, renova o seu papel clave no impulso á innovación galega coa presentación, xunto á Xunta, desta terceira convocatoria do Innterconecta”, dixo Conde, que destacou que con estes apoios, que favorecerán proxectos innovadores nos que colaboren empresas de varias Comunidades Autónomas, Galicia comeza a aproveitar os Fondos 14-20 da Unión Europea, que continuarán este mesmo ano coas primeiras axudas da Axencia Galega de Innovación avaladas polos novos fondos europeos.

Conde subliñou o rol económico, tecnolóxico e social xogado polo Innterconecta en Galicia nos últimos anos, permitindo ás empresas, universidades e centros tecnolóxicos galegos manter un ritmo investidor en innovación. Uns resultados que se traducen na mobilización de 210 millóns de euros en proxectos innovadores nos que participaron case 400 empresas, así como nun notable impacto social. Neste senso, o conselleiro citou proxectos financiados no marco do Innterconecta como o desenvolvemento da primeira vacina contra a cistite; o proxecto Magallanes, botando en Redondela un revolucionario trimarán capaz de xerar enerxía mareomotriz; ou un sistema de xestión de biotoxinas mariñas, atacando un problema recorrente das nosas rías.

Este Innterconecta, enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3, supón ademais un paso adiante na colaboración entre Estado e Xunta. De agora en diante, ambas as dúas administracións deseñarán os apoios ás empresas tendo moi en conta a complementariedade das axudas, de forma que se cubran todas as necesidades innovadoras das empresas, pero á vez se eviten duplicidades e sobrecustes dende a administración.

Conde resaltou que o éxito do Innterconecta en edicións anteriores foi tal que Galicia fixo un gran esforzo en xerar programas de innovación aberta inspirados nesta iniciativa, como o Conecta Pemes, co que busca trasladar eses beneficios á pequena empresa replicando o mesmo modelo do Innterconecta, e que mobiliza 50 millóns de euros; ou as Unidades Mixtas de investigación, que mobilizan outros 70 millóns atraendo a grandes compañías como Repsol, PSA, Esteve ou Gas Natural Fenosa para innovar en Galicia.