Conde destaca o compromiso de Svenska Bearing con Cambados e con Galicia cun novo investimento de 2,8 millóns que lle permitirá seguir medrando e impulsar a innovación

2015-05-14
  • Subliña que a ampliación das instalacións e o investimento en nova maquinaria supón un importante esforzo investidor en I+D+i, posibilitando a produción de novos produtos, algúns xa en fase de probas para a súa comercialización
  • Resalta a aposta da empresa pola internacionalización e a diversificación, que lle permite exportar máis do 95% da súa produción e atender a sectores como o naval, a automoción e a construción

Cambados (Pontevedra), 14 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante unha visita ás instalacións da empresa Svenska Bearing, o compromiso desta compañía “con Cambados e con Galicia”, que se reforzará cun novo investimento de 2,8 millóns de euros anunciado hoxe pola empresa. Este novo esforzo inversor, explicou Conde, permitirá ampliar as instalacións que a compañía ten no Polígono de Sete Pías e investir en nova maquinaria co obxectivo de seguir medrando e xerando emprego e riqueza na comarca. De feito, Conde subliñou as previsións de crecemento da compañía dun 12% para 2015, e resaltou o apoio de Xunta e Concello para manter esa boa dirección.

O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, sinalou que Svenska Bearing configúrase como unha compañía innovadora, que aposta pola máxima calidade para cumprir coas esixencias tecnolóxicas dos seus clientes; internacional, cunha produción destinada case integramente ao estranxeiro; e diversificada, atendendo ao sector naval, ao da automoción ou á construción.

Neste contexto, a expansión da compañía, na que máis do 70% dos seus provedores son galegos, non só reforza o seu compromiso con Cambados, senón que supón un paso máis na súa aposta pola innovación e polo desenvolvemento de produtos de tecnoloxía intelixente. Así, a ampliación implica un importante esforzo investidor en I+D+i, explicou Conde, posibilitando a produción de novos produtos, algúns xa en fase de probas para a súa comercialización.

Deste xeito, subliñou o titular de Economía e Industria, a empresa da un novo paso no desenvolvemento dos seus produtos, promovendo unha produción que se basea na calidade e na personalización, o que lle ten permitido adquirir un alto prestixio tecnolóxico e avanzar no seu proceso de internacionalización.

Grazas a calidade das súas pezas, Svenska Bearing exporta máis do 95% da súa produción, sobre todo á Unión Europea, e conta co 35% do mercado mundial de bucinas para maquinaria do sector naval. Estas cifras contribúen, xunto co esforzo doutras empresas, ao tirón exportador de Galicia, incidiu Conde.