Conde salienta a capacidade de Congalsa de “completar o ciclo de vida empresarial” a través do emprendemento, a innovación e a internacionalización

2015-05-11
  • O conselleiro de Economía e Industria visita as instalacións da compañía de alimentos precociñados onde destaca o seu papel como “foco de dinamización económica e creación de emprego na comarca”
  • Subliña que, sobre a base duns “produtos de calidade e excelencia e incorporando elementos de innovación”, Congalsa orienta os seus procesos cara o modelo de Industria 4.0
  • Resalta a súa aposta pola responsabilidade social corporativa, “vínculo dunha empresa coa comarca na que desenvolve a súa actividade”
  • A compañía, que conta co seu propio departamento de I+D+i, elabora produtos precociñados para uns 400 distribuidores ou importadores de 25 países

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 11 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, nunha visita ás instalacións da empresa de alimentos precociñados, Congalsa, a capacidade desta compañía coruñesa de “completar o ciclo de vida empresarial”, coa aposta inicial do emprendemento, a innovación e a internacionalización. Deste xeito, salientou, Congalsa configúrase como un dos “focos de dinamización económica e creación de emprego na comarca”.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria, que estivo acompañado pola delegada territorial, Belén Do Campo, resaltou a aposta pola innovación e a internacionalización como claves que teñen impulsado o crecemento da empresa. Así mesmo, subliñou o seu compromiso coa responsabilidade social corporativa, “verdadeiro vínculo dunha compañía coa comarca na que desenvolve a súa actividade”.

Conde apuntou que os bos resultados que está a acadar Congalsa susténtase na “aposta diaria pola excelencia e a calidade”, o que lle ten levado a contar co seu propio departamento de I+D+i no que desenvolven novos produtos e impulsan melloras nos xa existentes, orientando os seus procesos cara o modelo de Industria 4.0.

“Sobre a base duns produtos de calidade, incorporando elementos de innovación e pensando en crecer en mercados nacionais e internacionais, Congalsa tense convertido nun referente do sector”, subliñou Conde. Neste sentido, a empresa sitúa os seus produtos nas máis importantes cadeas de distribución europeas, e elabora máis do 50% dos alimentos precociñados con base de pescado e marisco de todo o Estado.

O compromiso coa innovación, incidiu o conselleiro, repercute no incremento da súa competitividade facilitando a apertura da compañía cara o mercado internacional. Congalsa elabora produtos precociñados para uns 400 distribuidores ou importadores de 25 países.