Feijóo constata ante o presidente de PSA Peugeot Citroen a capacidade innovadora da automoción galega, que ve clave para optar ao desenvolvemento de novos proxectos

2015-05-05
  • Subliña que se están a crear as condicións necesarias para aumentar a competitividade da fábrica viguesa e manter o seu bo posicionamento no escenario internacional
  • Avanza que se están a dar pasos para reforzar a colaboración da Xunta co CTAG e con Citroën con novos proxectos no marco da Industria 4.0
  • Feijóo e Tavares coinciden en destacar o altísimo nivel do CTAG e a oportunidade de reforzar os seus estudos no ámbito da condución autónoma

O Porriño (Pontevedra), 5 de maio de 2015.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, apoiou hoxe ante o o presidente de PSA Peugeot Citroën, Carlos Tavares, a vontade innovadora da automoción galega, e considerou que isto é clave para anticipar un bo posicionamento do sector no futuro.

Esta foi a principal mensaxe que o presidente galego lle transmitiu a Tavares durante o encontro que mantiveron tras unha visita ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Automoción Galega (CTAG), no que o presidente da compañía automobilística puido coñecer de primeira man os proxectos que se están a desenvolver nel.

Como xa fixeran durante a visita que o presidente galego realizou a París en setembro de 2014, ambos os dous constataron o altísimo nivel do CTAG e coincidiron na oportunidade de reforzar os seus estudos no ámbito da condución autónoma, xa que isto redundaría nunhas maiores posibilidades da fábrica de Balaídos para seguir competindo no escenario internacional.

Ao fío disto, Feijóo insistiu en que continuar polo camiño da innovación é unha aspiración decidida do sector en Galicia e garantiu o apoio incondicional da Xunta para levalo a cabo con éxito. Por iso, subliñou que se están a crear as condicións necesarias para que a fábrica viguesa poida seguir captando a produción de novos modelos da compañía francesa.

Industria 4.0

En concreto, referiuse á unidade mixta de investigación na que o Goberno galego participa xunto con Citroën e o CTAG, e avanzou que se están a dar pasos para seguir colaborando en novos proxectos fundamentalmente no marco da Industria 4.0, unha das principais apostas da Xunta en materia industrial.

Tras compartir a alta competitividade da fábrica de PSA Peugeot Citroën en Balaídos así como a posición estratéxica de Galicia, Feijóo e Tavares consideraron que cumprir cos retos marcados no ámbito da innovación é o terceiro ingrediente que a planta viguesa precisa para continuar incrementando a súa competitividade e lograr a produción de novos modelos, como xa está garantido no caso das furgonetas K-9.

Finalmente, Feijóo aproveitou o encontro para trasladarlle ao presidente de PSA Peugeot Citroën o seu agradecemento pola súa visita a Galicia, que fora comprometida na súa última xuntanza na capital francesa.