Conde salienta o compromiso con Galicia de Delta Vigo que vén de anunciar unha nova planta na que investirá 26 millóns e que xerará preto de 70 postos de traballo en Vigo

2015-04-27
  • O conselleiro de Economía visita as instalacións da compañía viguesa, onde resalta que a súa aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico fai dela un “referente na fabricación de bens de equipo, de liñas de montaxe, e de produtos dedicados ao sector aeronáutico”
  • Subliña que o investimento vai permitir que Galicia poida posicionarse claramente no sector aeronáutico, unha industria “moi exixente e que require de innovación e desenvolvemento tecnolóxico”
  • Pon á empresa como exemplo da “industria que queremos para Galicia” e na que se está a traballar coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0
  • Destaca que esta Axenda sentará as bases da modernización industrial de Galicia apostando, como Delta Vigo, polo equilibrio entre sectores tradicionais e de futuro e pola hibridación de produtos e sectores

Vigo, 27 de abril de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da empresa Delta Vigo no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, onde salientou o compromiso da empresa coa cidade e con Galicia. Neste sentido, a compañía sumará ás dúas plantas que xa ten en Vigo unha terceira planta en Galicia, o que, segundo explicou Conde, “reforza o seu compromiso coa nosa terra” e que suporá, como anunciou o seu presidente, Francisco Puga, 26 millóns de investimento e a xeración de máis dun centenar de postos de traballo, 67 deles en Vigo.

“Trátase dun proxecto de crecemento aquí en Galicia, que vai consolidar o posicionamento de Delta Vigo no sector aeronáutico e no da automoción, e que lle vai a permitir dar un salto cualitativo desde o punto de vista do desenvolvemento de novos produtos”, salientou o conselleiro. Deste xeito, apuntou, a empresa mantén o seu “compromiso coa cultura da innovación e do desenvolvemento tecnolóxico”, pensando “na calidade e na excelencia”, o que fai dela un “referente na fabricación de bens de equipo, de liñas de montaxe, e de produtos dedicados ao sector aeronáutico”.

Así mesmo, este investimento, subliñou o conselleiro, vai permitir que Galicia poida posicionarse claramente no sector aeronáutico, unha industria “moi exixente e que require de innovación e desenvolvemento tecnolóxico”.

Esta aposta, salientou Conde, se encadra no “modelo da industria que queremos para Galicia” e na que se está a traballar coa Axenda da Competitivididade Galicia – Industria 4.0, que aspira a fixar tecido empresarial na Comunidade a través dunha industria moderna, competitiva, diferenciada, sostible e xeradora de emprego.

Delta Vigo, sinalou o conselleiro, é un “exemplo claro do que queremos impulsar en Galicia no marco desta Industria 4.0”. Un modelo que, segundo destacou Conde, xa é coñecido por Delta Vigo porque traballan nel, e que se fundamenta na “capacidade innovadora e na capacidade de hibridación” de cara a atender diferentes sectores como o da automoción e o aeronáutico.

Así, a Axenda sentará as bases para a modernización industrial de Galicia a través do equilibrio dos sectores tradicionais como cos de futuro, da hibridación de produtos e sectores, e do fomento da cultura da innovación.