Feijóo salienta a importancia de seguir profundando na investigación sanitaria para mellorar a calidade e a esperanza de vida das persoas con cancro

2015-04-27

Santiago, 27 de abril de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a importancia de seguir profundando na investigación sanitaria para mellorar a calidade e a esperanza de vida das persoas con cancro.

Durante o acto de entrega do IV Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal, Feijóo gabou deste xeito o traballo do doutor Eduardo Díaz-Rubio e de todos aqueles investigadores que, como o premiado, se entregan a esta causa cun permanente espírito de superación. “A nosa admiración e agradecemento polo esforzo constante e pola determinación”, recoñeceu.

Durante a súa intervención, o responsable autonómico incidiu tamén na necesidade de apostar pola I+D+i, incorporándoa á planificación económica, como proba a Estratexia Galega de Especialización Intelixente, RIS3, na que a saúde figura como un dos seus eixes fundamentais.