Os chantadinos miden os seus coñecementos co concurso científico organizado por Economía e Industria

2015-04-25
  • A Casa do Concello da vila lucense foi hoxe o gran taboleiro de xogo de Big Ciencia, unha espectacular actividade de divulgación que combina o concepto clásico de concurso de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Esta foi a última parada da xira primaveral dunha iniciativa coa que a Axencia Galega de Innovación retou os galegos e galegas a medirse contra amigos, familiares e veciños tamén en Verín, Lalín e Ferrol

Chantada (Lugo), 25 de abril de 2015.- Numerosas persoas déronse cita hoxe ante o Concello de Chantada para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un espectacular concurso popular que converteu a fachada do céntrico edificio nun xigantesco taboleiro de xogo.

O atractivo e innovador formato desta orixinal iniciativa de divulgación científica atraeu a atención de numerosos grupos de amigos e familias, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da cidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, é sacar a ciencia e a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido.

Tras o éxito colleitado en 2013 en cinco grandes cidades galegas e na pasada edición especial Nadal en Santiago, Big Ciencia pechou hoxe en Chantada unha segunda edición que como novidade se celebrou tamén en núcleos de poboación medianos para chegar a novos públicos, aproveitando ademais as temperaturas primaverais, que invitaron máis a xogar na rúa. Así, antes de visitar a localidade lucense o concurso xa fixera parada na ourensá de Verín, na pontevedresa de Lalín e na coruñesa de Ferrol.

Cunha mecánica moi sinxela e apta para todas as idades, o concurso de preguntas científicas botou a andar na vila chantadina cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu a Casa do Concello.

Un xogo moi participativo

Que ano internacional se celebra en 2015?, quen inventou o termómetro?, que contén o sangue do noso organismo? O máis rápido en premer o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou os viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Apoio á divulgación

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, entre as que se atopa Galiciencia, un evento que este ano cumpre o seu décimo aniversario e que, con este motivo, está a levar espectáculos científicos por toda Galicia.