A GAIN e o CDTI informan da inminente convocatoria dunha nova edición do Innterconecta para impulsar proxectos innovadores

2015-04-23

Santiago, 23 de abril de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, foi o encargado esta mañá de abrir a xornada sobre novidades no financiamento público á I+D+i impulsada por GAIN e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), na que se informou da inminente convocatoria da terceira edición do programa Innterconecta.

Neste sentido, o director de Promoción e Cooperación do CDTI, que depende do Ministerio de Economía e Competitividade, salientou que está previsto abrir a partir do 30 de abril a convocatoria deste programa estatal, que contará con 110 milóns de euros para impulsar proxectos innovadores en cooperación impulsados por consorcios de entre 2 e 6 empresas.

Do mesmo xeito, no encontro tamén se achegou información sobre outros instrumentos a disposición das empresas galegas como o Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial (CIEN) do CDTI, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o vindeiro 5 de maio.

Este programa financia grandes proxectos de investigación industrial e de desenvolvemento experimental, impulsados en colaboración por agrupacións empresariais e orientados á realización dunha investigación planificada en áreas estratéxicas de futuro e con potencial proxección internacional. Persegue ademais fomentar a cooperación público-privada no ámbito da I+D polo que require a subcontratación relevante de actividades a organismos de investigación.