A igrexa de Lalín converterase mañá no taboleiro xigante dun concurso científico para todos os públicos

2015-04-17
  • O templo da vila pontevedresa será a pantalla de Big Ciencia, unha innovadora actividade de divulgación impulsada pola Axencia Galega de Innovación
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participará na espectacular iniciativa, que combina o concepto clásico de xogo de preguntas e respostas coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Familias e grupos de amigos poderán poñer a proba os seus coñecementos científicos na Praza da Igrexa a partir das nove e media da noite

Lalín (Pontevedra), 17 de abril de 2015.- A fachada da igrexa de Lalín será mañá o taboleiro de xogo de Big Ciencia, o innovador concurso para todos os públicos sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Tras o éxito colleitado na anterior edición en cinco cidades e no Nadal en Santiago, esta primavera Big Ciencia chega a catro novas localidades galegas.

Coñecido por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescas pantallas, Big Ciencia terá tamén na localidade pontevedresa un escenario de luxo, ao proxectarse as preguntas e respostas do concurso a grande escala sobre o templo da vila. O xogo, no que participará o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, comezará ás 21:30 horas e nel poderán participar todos os veciños e veciñas que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade organizada pola Axencia Galega de Innovación é achegar a ciencia e a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa vila. Trátase dunha acción de divulgación científica que conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina ao aire libre o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Tras celebrarse en 2013 en cinco cidades galegas e no Nadal en Santiago, este mes Big Ciencia retoma a súa xira por Galicia en catro novas localidades. Así, mañá chega a Lalín tras facer parada hoxe mesmo no municipio ourensán de Verín. O próximo venres visitará Ferrol e o sábado, a vila lucense de Chantada.

Un formato espectacular

A proxección das preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios de características moi diferentes é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única.

A mecánica do Big Ciencia é moi sinxela, co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado nas citas anteriores engancha desde un principio dada a súa axilidade.

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación.