Conde avalía co novo presidente da Federación Española de Centros Tecnolóxicos liñas de traballo conxuntas

2015-04-16
  • O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro co director do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo, que preside desde febreiro a entidade
  • Fedit integra a 34 centros tecnolóxicos que facturan 247 millóns de euros anualmente
  • No encontro subliñouse o papel do ITG como piar da competitividade e do emprego de moitas empresas galegas

Santiago, 16 de abril de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co novo presidente da Federación Española de Centros Tecnolóxicos (Fedit), Carlos Calvo, con quen abordou diferentes liñas de traballo conxunto. Calvo, que é o director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) foi elixido en febreiro presidente da entidade que agrupa 34 centros tecnolóxicos de toda España e que ten por obxectivo impulsar e fomentar a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a investigación privada.

Na reunión, na que Conde felicitou a Carlos Calvo polo recente nomeamento, estudáronse diferentes posibilidades de colaboración coa federación. Do mesmo xeito, subliñouse o importante papel que xoga o ITG como único Centro Tecnolóxico da Coruña, que funciona como piar da competitividade e do emprego de moitas empresas galegas, impulsando a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial.

Os centros tecnolóxicos agrupados en FEDIT presentan un volumen de ingresos anual de 247 millóns de euros, empregando a máis de 3.300 persoas, e prestando servizos a máis de 17.000 empresas clientes.