A Xunta converterá mañá a fachada do Concello de Verín no taboleiro xigante dun concurso científico para todos os públicos

2015-04-16
  • A Casa Consistorial da vila ourensá será a pantalla de Big Ciencia, unha innovadora actividade de divulgación que chega esta primavera a localidades das catro provincias
  • A espectacular iniciativa combina o concepto clásico de xogo de preguntas e respostas coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Familias e grupos de amigos poderán poñer a proba os seus coñecementos científicos na Praza do Concello a partir das nove e media da noite

Santiago, 16 de abril de 2015.- A fachada do Concello de Verín será mañá o taboleiro de xogos de Big Ciencia, o innovador concurso para todos os públicos sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Tras a boa acollida na anterior edición en cinco cidades e no Nadal en Santiago, esta primavera Big Ciencia chega a catro novas localidades galegas.

Coñecido por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescos taboleiros de xogo, Big Ciencia terá tamén na localidade ourensá un escenario de luxo, ao proxectarse as preguntas e respostas do concurso a grande escala sobre a Casa Consistorial. O xogo comezará ás 21:30 horas e nel poderán participar todos os veciños e veciñas que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade organizada pola Axencia Galega de Innovación é achegar a ciencia e a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa vila. Trátase dunha acción de divulgación científica que conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina ao aire libre o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Tras triunfar en 2013 en cinco cidades galegas e o pasado Nadal en Santiago, este mes Big Ciencia retoma a súa xira por Galicia coa novidade de que aterrará por primeira vez en vilas co obxectivo de chegar a novos públicos, aproveitando ademais que as temperaturas primaverais invitarán a xogar ao aire libre. Así, tras esta primeira parada en Verín, Big Ciencia chegará o sábado ao municipio pontevedrés de Lalín, onde a pantalla do xogo será a igrexa da vila.

Un formato espectacular

A proxección das preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios de características moi diferentes é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única.

A mecánica do Big Ciencia é moi sinxela, co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado nas citas anteriores engancha desde un principio dada a súa axilidade.

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación.