Conde salienta que o CIS Galicia é unha ferramenta clave para achegar as pemes a Industria 4.0 e impulsar a sua innovación

2015-04-15
  • O conselleiro de Economía e Industria apunta que o centro situado en Ferrol despregará todos os seus recursos para estar ao lado e colaborar cos sectores estratéxicos da economía galega, mobilizando 6 millóns de euros en 2015
  • Lembra o papel do centro no acordo entre a Xunta, a industria e os centros tecnolóxicos para facer do naval galego un referente tecnolóxico internacional
  • Subliña que o centro será unha nova ferramenta tanto da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como da Axenda da Competitividade Industrial

Santiago, 15 de abril de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe no Parlamento galego que o CIS Galicia é unha ferramenta clave para achegar ás pemes galegas as tecnoloxías facilitadoras asociadas á industria 4.0 e facilitarlles o camiño da innovación. Neste sentido, Conde apuntou que o Goberno galego busca converter ao centro situado en Ferrol nunha nova ferramenta tanto da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.

O conselleiro explicou que o novo plan de acción deseñado para o centro quere fortalecer a posición do CIS como referente na implantación de tecnoloxías avanzadas, e que neste empeño se despregarán todos os seus recursos para estar ao lado e colaborar cos sectores estratéxicos da economía galega, como a automoción, o naval, o aeronáutico, o turismo, o audiovisual ou o comercio.

Sinalou Francisco Conde que o CIS Galicia realizará un claro esforzo en difusión e formación, ensinando as posibilidades de uso das tecnoloxías que maior interese xeran no mundo; impulsará a difusión e desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes como a realidade virtual ou a realidade aumentada, e funcionará como nexo para a transferencia tecnolóxica en Galicia, impulsando a innovación aberta.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que o centro se converterá nun motor grazas ao cal Ferrol contribuirá dunha maneira decisiva á modernización industrial de Galicia. Por iso, lembrou, a Consellería vai inxectar este mesmo ano 500.000 euros para o equipamento tecnolóxico do centro, e vanse mobilizar 6 millóns de euros en proxectos innovadores.

No caso específico do naval, o conselleiro lembrou o papel do CIS no acordo por 2 millóns de euros entre a Xunta, a industria e os centros tecnolóxicos para facer do naval galego un referente tecnolóxico internacional. O conselleiro apuntou que o centro impulsará o naval 4.0 prestando tamén servizos en ámbitos como a realidade virtual co seu programa CAVE, ou a modelización, simulación e deseño 3D; vixiando as novas patentes ou proxectos que se poidan aplicar ao naval; impulsando as tecnoloxías facilitadoras da fábrica intelixente, como a robótica ou os novos materiais; e reforzando a transferencia de tecnoloxías e de coñecemento, ao igual que apoiará a diversificación do sector en eidos como a eólica mariña.