Conde subliña que a Xunta está a promover un modelo industrial encamiñado a “acelerar a recuperación de Galicia”, traballando no presente e planificando o futuro

2015-04-15
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta o compromiso do Goberno galego coa “industria, a competitividade e a innovación”, que contribuíu a que a Comunidade rematase o 2014 con 3.300 empregos máis no sector industrial
  • Destaca que a Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 procura a modernización industrial de Galicia impulsando as tecnoloxías e os procesos necesarios para desenvolver a fábrica intelixente
  • Sinala que a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 sitúa á innovación nun lugar prioritario dentro das políticas económicas, permitindo activar programas como as Unidades Mixtas que mobilizarán 50 millóns en proxectos de alto impacto en sectores estratéxicos
  • Resalta que a mellora competitiva da industria galega contribúe a internacionalización das súas empresas, pechándose o 2014 con 6.235 compañías exportadoras
  • Lembra que o Goberno galego leva concedidos 730 millóns para axudar ao financiamento das empresas da Comunidade a través do Igape e Xesgalicia

Santiago, 15 de abril de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que a Xunta está a promover un modelo industrial que permita “acelerar a recuperación de Galicia”, traballando no presente a través de apoios ao financiamento, ao talento, ou a simplificación normativa; e “planificando as bases do futuro” coa Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3. Neste sentido, Conde destacou o compromiso do Goberno galego “coa industria, a competitividade e a innovación, que ten contribuído a que a Comunidade rematase o 2014 con 3.300 empregos máis no sector industrial.

“En relación ao futuro, estamos a pensar no marco 2014-2020 co obxectivo de acadar a necesaria modernización do tecido industrial, algo que estamos a facer a través da Axenda da Competitividade e da RIS3”, salientou Conde, quen apuntou as oportunidades que ofrecen os Fondos FEDER para seguir potenciando este novo modelo industrial “baseado na innovación, na internacionalización e na eficiencia enerxética”.

O conselleiro sinalou que a Axenda configúrase como “unha folla de ruta deseñada por e para a industria” co obxectivo de “apuntalar o crecemento das nosas empresas”. Co desenvolvemento da Axenda, o Goberno galego aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción e tecnoloxías clave na implantación da fábrica intelixente.

Neste contexto, explicou Conde, cobra unha especial relevancia a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que sitúa a innovación nun lugar prioritario dentro das políticas económicas. A través dela téñense activado xa iniciativas como o programa de Unidades Mixtas no que participan empresas e organismos de investigación galegos e que mobilizará preto de 50 millóns de euros en proxectos de alto impacto en sectores estratéxicos do tecido industrial.

Esta aposta pola innovación, apuntou o conselleiro, contribúe a competitividade e o posicionamento internacional das pemes galegas. Neste sentido, lembrou que Galicia pechou o 2014 con 6.235 compañías exportadoras, o que supón un crecemento do 30% no último lustro.

A planificación do futuro industrial de Galicia, subliñou o conselleiro, da continuidade ao traballo que xa se está a realizar no presente. Así, destacou, “este Goberno leva concedidos 730 millóns para a axudar ao financiamento das nosas empresas a través do Igape e Xesgalicia”.

Uns apoios que se suman aos concedidos no eido da innovación con iniciativas como o Conecta Pemes ou Innterconecta, que mobilizan xa preto de 260 millóns na Comunidade en proxectos de colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos; ou co programa Oportunius, que xa ten obtido o seu primeiro caso de éxito coa contratación pola USC do físico galego Diego Martínez.

Este esforzo, segundo sinalou Conde, ten permitido que o naval galego sume máis de 1.400 millóns de euros en contratos, creándose no que vai de ano 30 empresas auxiliares no sector; ou que a factoría de Citroën en Balaídos conseguise a K9, á que sumará agora a construción en Vigo dos novos vehículos comerciais de General Motors.