Conde destaca a aposta pola competitividade, a innovación e a internacionalización como eixos da política industrial da Xunta

2015-03-11
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta que este compromiso resulta extensible á comarca de Ferrolterra co impulso de diferentes iniciativas encamiñadas á creación de emprego
  • Lembra que o esforzo do sector naval, xunto ao traballo da Xunta, ten permitido que a ría de Ferrol sume máis de 600 millóns en proxectos, ademais de incorporar novas oportunidades de diversificación como a eólica mariña
  • Subliña que o novo plan de acción do CIS Galicia suporá unha panca innovadora que servirá de unión entre os centros tecnolóxicos e de coñecemento galego e as pemes
  • Sinala que o proxecto Ferrol Container Terminal conta cun investimento de 18 millóns achegando novas oportunidades no tráfico marítimo, e que o Hub de GNL que se está a desenvolver en Reganosa impulsará os sectores loxístico e naval
  • Apunta que a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 busca “reinventar a nosa industria e poñernos en cabeza da inminente revolución industrial”

Santiago, 11 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento a aposta pola competitividade, a innovación e a internacionalización como eixos da política industrial da Xunta de Galicia. “Traballamos para sentar as bases dun modelo industrial e económico sobre o que acadar máis competitividade, máis internacionalización e, en definitiva, máis emprego”, incidiu Conde.

“Este Goberno ten mobilizado máis de 400 millóns en innovación nos últimos anos con programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas, e destinará máis de 50 millóns para a internacionalización empresarial nos próximos dous anos”, destacou o conselleiro. Un traballo que se encadra no desenvolvemento da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, que se está a consensuar cos axentes implicados, e coa que se aspira a “reinventar a industria galega e poñernos no grupo de cabeza da inminente revolución industrial que terá no seu centro á fábrica intelixente”.

Unha aposta que o titular de Economía e Industria fixo extensible á comarca de Ferrolterra, na que se están a impulsar distintos proxectos encamiñados á xeración de emprego. Neste sentido, o conselleiro lembrou que o esforzo do sector naval, xunto ao traballo da Xunta, ten permitido que a ría de Ferrol sume máis de 600 millóns en proxectos. Ademais, explicou, o estaleiro público de Navantia está a aproveitar as oportunidades de diversificación que lle ofrecen outros sectores como o da eólica mariña.

Así mesmo, Conde puxo en valor o novo plan de acción do CIS Galicia, que vén de presentarse recentemente co obxectivo de facer desta infraestrutura unha panca innovadora que funcione como o nexo de unión entre os centros tecnolóxicos e de coñecemento da comunidade e as pemes.

Este esforzo, sinalou Conde, súmase a outras iniciativas nas que está a traballar a Xunta de Galicia, como o proxecto Ferrol Container Terminal, que conta cun investimento de 18 millóns e achegará novas oportunidades no tráfico marítimo, ou Hub de GNL que se está a desenvolver en Reganosa para impulsar os sectores loxístico e naval.

“Entre todos estamos a crear un futuro para Ferrolterra”, apuntou Conde. Neste sentido, o conselleiro destacou a nova convocatoria do Reindus, que “mantén o compromiso económico dos últimos anos” facilitando a presentación de novas iniciativas empresariais; ou o concurso de solo industrial, que ofrece unha rebaixa do 50% nos concellos do Plan Ferrol.

Este traballo, explicou Conde, “é mérito das empresas, dos emprendedores e dos traballadores que apostan por Ferrolterra, así como do esforzo das distintas administracións”. Así, sinalou, a comarca, que suma o 5% da poboación galega, captou desde o 2009 o 16% dos proxectos de grandes investimentos do Igape. “Unhas cifras que falan da vixencia do Plan Ferrol, que desde o 2009 leva mobilizado investimentos por valor de 650 millóns a través de 1.300 proxectos empresariais”, resaltou.