Conde resalta que o investigador galego Diego Martínez retornará a Galicia este ano grazas ao programa Oportunius

2015-03-09
  • O conselleiro de Economía e Industria e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, manteñen un encontro co físico focense, que continuará a súa carreira na USC ao abeiro desta iniciativa
  • A contratación de Diego Martínez, que conta cunha bolsa europea ERC, mobilizará en Galicia 1,5 millóns no próximo lustro, contribuíndo á creación de emprego altamente cualificado derivado da formación do equipo de investigación
  • A captación deste talento investigador galego, e a formación de científicos con potencial para conseguir as bolsas ERC, configúranse como eixo fundamental do Oportunius de cara a situar á I+D+i galega na vangarda internacional
  • A través deste programa, a Xunta aspira a atraer a Galicia a 24 investigadores de referencia ata o 2020 que conten con beca ERC
  • A Axencia Galega de Innovación está a impulsar actuacións de dinamización do programa, colaborando ata o de agora con 38 investigadores que traballan en centros galegos para preparar propostas coas que optar ás becas europeas

Santiago, 9 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, mantiveron hoxe un encontro co investigador galego Diego Martínez. Este físico focense, doutor en Física pola USC e que traballaba para o Instituto de Física de Partículas Nikhef de Holanda, retornará a Galicia este ano grazas ao esforzo da propia USC e ao programa Oportunius de captación de talento promovido pola Xunta de Galicia.

O traballo coordinado entre o Goberno galego e a USC permitirá a contratación deste investigador de referencia, recoñecido no 2013 como o mellor físico mozo europeo de partículas. Neste sentido, Martínez conta cunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), cuxa excelencia científica se reflicte no feito de que 3 dos 13 Premios Nobel 2014 lle foron outorgados a investigadores que desenvolveron as súas carreiras grazas a elas.

A través desta bolsa, e co seu novo contrato na Universidade de Santiago de Compostela no marco do Oportunius, o físico galego contribuirá a mobilizar en Galicia 1,5 millóns no próximo lustro, impulsando a creación de emprego altamente cualificado derivado da formación do seu equipo de investigación.

A captación deste talento investigador galego, así como a formación de científicos con potencial para conseguir as mencionadas bolsas ERC, son o eixo fundamental de desenvolvemento do programa Oportunius, co obxectivo de situar á I+D+i galega na vangarda internacional .

Neste sentido, a través do Oportunius, a Xunta aspira a atraer ao Sistema Galego de I+D+i a Galicia a 24 investigadores de referencia que conten con beca ERC, de cara a desenvolver liñas punteiras e competitivas a nivel internacional desde Galicia.

Para acadar esta meta, a Axencia Galega de Innovación investirá máis de 4 millóns de euros ata o ano 2020. Ademais, está a impulsar diferentes actuacións de dinamización do programa, colaborando ata o de agora con 38 investigadores que traballan en centros de investigación galegos para a preparación das propostas coas que optar ás becas europeas.