Conde salienta á empresa viguesa Marexi como catalizador tecnolóxico para impulsar a Industria 4.0 no sector pesqueiro

2015-03-09
  • O conselleiro de Economía e Industria visita as instalacións da compañía no porto de Vigo, onde desenvolve tecnoloxías de vangarda de cara a mellorar o procesado do peixe ou a xestión dos descartes
  • Destaca o apoio da Xunta á labor innovadora do sector mar-industria, respaldando nos últimos cinco anos preto de 150 proxectos de I+D+i que mobilizan 50 millóns de euros a través de programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas
  • A empresa destaca polos seus proxectos de innovación aberta, colaborando co CSIC e con empresas e institucións doutros 20 países na busca dun remedio contra o anisakis

Vigo, 9 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe á empresa viguesa Marexi como catalizador tecnolóxico para impulsar a Industria 4.0 no sector mar industria, grazas ás tecnoloxías de vangarda que a entidade desenvolveu durante a última década. Conde visitou hoxe as instalacións da compañía no porto vigués xunto co responsable da entidade, Joaquín Gracia, e resaltou o aliñamento do traballo de Marexi coa Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, que a Xunta está a impulsar para acadar unha renovación industrial na comunidade ao redor da fábrica intelixente e acadar 50.000 novos empregos.

Marexi, subliñou Conde, “é un exemplo claro de cara a onde queremos ir” no eido da Industria 4.0, “impulsando a mellora dos procesos produtivos e a introdución de produtos que melloren a competitividade das pemes” a través dunha forte aposta pola I+D+i levada a cabo co apoio da Xunta. Unha aposta pola innovación, salientou o conselleiro, que é clave para todo o sector mar-industria. Neste senso, resaltou o apoio da Consellería de Economía e Industria ao sector, impulsando 150 proxectos innovadores nos últimos cinco anos que mobilizan 50 millóns de euros.

Uns respaldos, apuntou Conde, que se suman aos que a Xunta está poñendo en marcha a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que mobilizará 1.600 millóns de euros e que ten entre as súas prioridades o investimento na innovación acuícola e pesqueira.

O conselleiro destacou tamén á empresa como referente da transferencia de coñecemento ao mercado, que a empresa leva a cabo tanto a través de acordos con empresas, como mediante proxectos de innovación aberta con institucións públicas. Do primeiro eido destacan proxectos con empresas como Frigrove e Calvo, que teñen permitido avanzar ás compañías en eidos como o procesamento do atún, ou a posibilidade de evitar a pesca accidental de tiburóns cercanos aos bancos atuneiros. E do segundo ámbito, destaca o desenvolvemento dun produto para exterminar o anisakis do pescado, no marco dun proxecto internacional dirixido polo CSIC e no que participan empresas e institucións de 20 países, desde China a Noruega.