A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións
2023-12-05
Ferrol, 6 de febreiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o novo Plan de Acción do CIS Galicia converte ao centro na “ponte entre innovación e empresa”, ao funcionar como o nexo clave entre os centros tecnolóxicos e de coñecemento da comunidade e as pemes, casando a oferta dos investigadores coas necesidades das compañías. Conde presentou en Ferrol a nova axenda do centro de innovación, que se desenvolverá durante os dous próximos anos, e que ademais desta medida transversal conta con dous eixos clave: o impulso ao CIS como organismo que facilitará ás pemes galegas o acceso ás tecnoloxías clave da Industria 4.0; e como referente na reinvención dos sectores estratéxicos da comunidade.
Como impulso a todos eses retos, o conselleiro avanzou que este ano o centro mobilizará 5 millóns de euros en proxectos innovadores, e que conta con 500.000 euros para equipamento tecnolóxico de última xeración.
En relación ao primeiro dos eixos clave, Conde resaltou que o CIS Galicia, que este ano se atopa no seu 20º aniversario, se converterá nunha ferramenta fundamental tanto da Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS 3, como da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, coa que o Goberno galego busca reinventar a industria galega, poñéndoa no grupo de cabeza da inminente revolución industrial que terá no seu centro á fábrica intelixente, e impulsando o seu peso no PIB ata o 20%.
O traballo do CIS Galicia, avanzou Conde, é precisamente achegar ás pemes tecnoloxías facilitadoras asociadas á Industria 4.0 e ao seu corazón, a fábrica intelixente, comenzando polo eido da produción aditiva grazas á impresión 3D, e continuando máis adiante con outras tecnoloxías clave como o Internet das Cousas ou a robótica flexible. Ese novo Plan de Acción suporá, neste senso, un claro reforzo á difusión e a formación nestes eidos, ensinando aos empresarios as posibilidades que ofrecen estas tecnoloxías para os seus negocios sen que teñan que asumir o custo de mercalas para experimentar con elas.
Poderán, por exemplo, facer as primeiras probas cunha tecnoloxía determinada, como unha impresión en 3D, e se se axusta aos seus obxectivos, o CIS Galicia lles facilitará o contacto coas empresas que conten con esa tecnoloxía.
Ademais, o CIS Galicia impulsará a difusión entre as pemes de tecnoloxías emerxentes como os avións non tripulados de pequeno tamaño e uso civil, fomentando o seu uso por exemplo para a cartografía dixital; e dous ámbitos nos que o CIS Galicia xa ten un amplo percorrido e un recoñecemento nacional: a realidade virtual e realidade aumentada.
En relación ao segundo dos eixos, o CIS Galicia funcionará como panca para contribuír á reinvención de sectores estratéxicos para a economía galega: a automoción, o naval, o turismo, o comercio e o téxtil.
No eido da automoción, Conde destacou que CIS Galicia xa está a acompañar a PSA e ao CTAG nun dos seus proxectos más ambiciosos: o desenvolvemento dunha Interfaz Home Máquina que servirá para deseñar o automóbil do futuro.
Este proxecto ten como socio tecnolóxico ao CIS Galicia, que aporta un grupo de especialistas, capacidades de realidade aumentada, e a súa tecnoloxía de realidade virtual, como o programa CAVE (que permite unha simulación avanzada da condución dun vehículo).
CIS Galicia, incidiu, está tamén a disposición dun sector estratéxico e vital para Galicia e para Ferrol: o naval. Conde avanzou que as actuacións innovadoras da Axencia Galega de Innovación no eido naval canalizaranse a través do CIS Galicia, que prestará servizos a Navantia, aos pequenos e medianos estaleiros, e as auxiliares, en distintos eidos.
Entre eles, destacou a realidade virtual co CAVE; a modelización, simulación e deseño 3D; e o exercicio dun rol dinamizador, articulando e coordinando as colaboracións entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos, en eidos como os jackets para a eólica mariña ou o uso de novos materiais.
Levará tamén unha vixilancia tecnolóxica sobre novas patentes ou proxectos europeos que se poidan aplicar ao naval, e no marco da RIS3 impulsará as tecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0 no naval, como a robótica ou os novos materiais; buscando tamén a transferencia de tecnoloxías consolidadas en sectores de alto valor tecnolóxico, como o aeronáutico ou o automobilístico, ao naval galego.
No eido turístico, o CIS Galicia ven de levar a cabo a recreación virtual do Botafumeiro en Fitur, e neste Plan de Acción, segundo resaltou o conselleiro, traballará xunto a Turismo de Galicia en iniciativas como reconstrucións virtuais de patrimonio como os estaleiros do Arsenal de Ferrol, ou de eventos históricos para escolares.
No que respecta ao ámbito comercial, o CIS colaborará con Artesanía de Galicia e a Dirección Xeral de Comercio, desenvolvendo un escaparate e tenda virtual de Artesanía de Galicia, e aplicacións dixitais de ámbito comercial para a venda e a loxística, entre outros proxectos.