Galicia incrementa en máis dun 31% o seu investimento en I+D no sector da biotecnoloxía

2015-01-29
  • As empresas galegas aumentaron nun 17,6% o seu gasto, mentres que o sector público o fixo nun 37%
  • O número de investigadores que se dedican á I+D neste sector clave en Galicia increméntase nun 39% nun ano
  • No marco da Estratexia de Especialización Intelixente, a Xunta está a potenciar a biotecnoloxía como ferramenta de apoio ao desenvolvemento de alimentos de alto valor engadido ou produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética

Santiago, 29 de xaneiro de 2015.- Galicia incrementou nun 31% o seu investimento interno en I+D en biotecnoloxía en 2013, segundo os datos da estatística sobre uso de biotecnoloxía feitos públicos hoxe polo INE. Fronte a unha baixada estatal do 1,8%, a comunidade aumentou en preto de 15 millóns de euros este gasto, ata situarse como a sexta que máis destina a este eido.

Por sectores, as empresas galegas destinaron un 17,6% máis que no 2012 á I+D en biotecnoloxía, mentres que administracións públicas, ensino superior e institucións privadas sen fins de lucro o fixeron nun 39%. Ademais, cómpre sinalar que o persoal empregado en I+D interna en biotecnoloxía se incrementou nun 26%, ata chegar a preto de 1.270 persoas. O número de investigadores aumentou un 39%, ata sumar preto de 830.

A Consellería de Economía e Industria ten contribuído ao avance do sector biotecnolóxico a través de distintas medidas de apoio a unha industria que representa o 1% do PIB da Comunidade. O Goberno galego quere seguir impulsando a potencialidade do sector coa nova Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que mobilizará 1.600 millóns de euros en Galicia ata o 2020 en proxectos innovadores.

A través dos fondos da RIS3, a Xunta potenciará a biotecnoloxía como ferramenta de apoio ao desenvolvemento de produtos e servizos que produzan alimentos de alto valor engadido. Ademais, aplicarase a biotecnoloxía á cadea monte-industria, desenvolvendo produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética; e crearanse novos materiais de orixe mariño aproveitando os residuos pesqueiros.