A Xunta destaca a importancia da colaboración público-privada para impulsar a capacidade innovadora do sector naval galego

2014-12-17
  • O programa A-Tempo, coordinado pola Universidade da Coruña, adxudicou os tres contratos de compra pública innovadora que desenvolverán proxectos relacionados coa obtención de enerxía eólica en plataformas mariñas
  • Cada un dos proxectos responde aos retos recollidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia para o sector naval
  • O programa, cun orzamento total de 3,2 millóns de euros, conta con financiamento do Fondo Tecnolóxico Europeo

Ferrol, 17 de decembro de 2014.- A colaboración entre universidades e centros tecnolóxicos coas empresas é fundamental para mellorar a capacidade innovadora e a competitividade do sector naval galego. O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, insistiu nesta idea durante a presentación dos proxectos de I+D+I do programa A-Tempo, impulsado pola Universidade da Coruña e dotado con 3,2 millóns de euros, procedentes nun 80% do Fondo Tecnolóxico europeo, a través do Ministerio de Economía e Competitividade e a coordinación da Consellería de Economía e Industria; así como de fondos propios da UDC.

Varela lembrou a aposta estratéxica do Goberno galego polo sector naval e resaltou a importancia “da innovación, da diversificación, da especialización e da orientación á exportación para ser competitivo no mercado global”, ao tempo que asegurou que o futuro do naval galego pasa por achegar valor engadido.

Estes retos están recollidos na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a folla de ruta da innovación galega ata 2020, e concrétanse na necesidade de diversificación, mellora da competitividade industrial e impulso da economía do coñecemento, fundamentalmente a través das TIC. “Os tres proxectos que veñen de adxudicarse no marco de A-Tempo responden precisamente a cada unha destas prioridades da industria naval, polo que a súa adecuación ás necesidades do sector é óptima”, destacou o director da Axencia.

Compra pública innovadora

O programa A-Tempo arranca coa adxudicación dun concurso de compra pública innovadora polo que a Universidade da Coruña desenvolverá conxuntamente con varias empresas tres proxectos relacionados coa obtención de enerxía eólica mariña mediante sistemas off-shore. Aínda que a explotación e os dereitos de comercialización lles corresponderán ás empresas adxudicatarias, a propiedade intelectual das tecnoloxías desenvolvidas quedará en mans da UDC.

Iberdrola Renovables Energía será a empresa encargada de deseñar un buque de instalación de aeroxeradores. “A aposta de grandes empresas líderes no seu sector por Galicia é moi importante polo efecto tractor que exerce sobre as pemes galegas”, sinalou Varela.

A proposta de Ixion Industry & Aerospace para desenvolver un robot submarino para plataformas off-shore está en liña coa prioridade recollida na RIS3 de incorporar solucións procedentes doutros sectores industriais estratéxicos para Galicia, como neste caso a aeronáutica.

Finalmente, a elixida para realizar un sistema de mantemento remoto de plataformas off-shore foi a dunha unión temporal de empresas (UTE) formada pola empresa galega Neodyn (da comarca de Ferrol), Sistemas Audiovisuales Itelsis e Scio Soft. Segundo destacou Varela, este é un claro exemplo de incremento da competitividade do sector naval a través dunha tecnoloxía facilitadora de primeira orde, as TIC.

“Os resultados deste programa demostrarán que a transferencia de coñecemento desde a universidade mediante a colaboración público-privada e a explotación de fórmulas avanzadas como é a compra pública innovadora son apostas acertadas para incrementar a competitividade e o crecemento de sectores estratéxicos de futuro para a economía galega, como sen dúbida é o naval”, expuxo o director da Gain.