Economía e Industria destaca na entrega dos II Premios Bioga a biotecnoloxía como un sector clave para o futuro de Galicia

2014-12-12
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou na entrega dos recoñecementos a AMSlab como empresa máis competitiva en 2014 e a QubioTech como a mellor idea empresarial biotecnolóxica
  • O sector xoga un papel destacado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que mobilizará 1.600M€ ata 2020 en proxectos innovadores

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, salientou hoxe na entrega dos II Premios Bioga, organizados polo Clúster tecnolóxico empresarial das Ciencias da Viga de Galicia co apoio da Consellería de Economía e Industria, o importante papel que xoga o sector biotecnolóxico galego, que considerou estratéxico para a economía e o futuro da comunidade.

No acto, que se celebrou na sede de Lonza Biologics, compañía que en 2013 se fixo co galardón de Empresa biotech máis competitiva, Varela salientou o compromiso da Xunta coa biotecnoloxía, salientando que a Consellería de Economía e Industria leva apoiado nos últimos anos con 10 millóns de euros proxectos innovadores neste eido. Ademais, destacou o director que o sector xoga un papel destacado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que mobilizará 1.600M€ ata 2020 en proxectos innovadores. Neste sentido, lembrou que un dos tres eixos desta folla de ruta é a da calidade de vida con especial atención ao envellecemento activo.

Os gañadores esta edición foron, na categoría de empresa máis competitiva do sector a AMSlab, firma con sede en Lugo especializada no desenvolvemento de solucións analíticas para sectores como o químico, farmacéutico, agroalimentario, ambiental ou téxtil; mentres que o premio á Mellor idea empresarial biotech 2014 foi para QubioTech, iniciativa empresarial en fase de constitución con sede na Coruña. O xurado destacou a experiencia do seu equipo promotor e polo desenvolvemento dun produto testado con éxito en centros hospitalarios. QubioTech dedícase a novas ferramentas tecno-informáticas para a mellora da diagnose, tratamento e seguimento médico.