A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións
2023-12-05
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa visita ás instalacións de Kauman en Ponteareas, a aposta desta empresa pola innovación como chave para incrementar as súas “vantaxes competitivas”, o que lle permite estar presente en 50 países. “Kauman configúrase como unha referencia nun sector do caucho moi competitivo, sabendo competir nos diferentes mercados con dúas ferramentas moi claras: a innovación e a internacionalización”, incidiu.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que o compromiso coa innovación tenlle permitido á empresa “desenvolver proxectos moi importantes”. Así, está a impulsar novas barreiras nos quitamedos das estradas de Ponteareas, garantindo a seguridade dos motoristas; e ten fabricado a primeira banda trasportadora ignífuga do mercado, que multiplica a seguridade das canteiras. Unha aposta que se estende a novos ámbitos como a eficiencia enerxética, eido no que contou coa colaboración da Xunta para a instalación dunha nova caldeira de aceite térmico a gas natural que incrementa o rendemento nun 85% e permite acadar aforros enerxéticos de case o 20%.
“O talento, o coñecemento, e a súa posición de fortaleza están en Galicia. Non obstante, Kauman sabe competir nos mercados internacionais exportando o 80% da súa produción”, sinalou Conde. Neste contexto, o titular de Economía e Industria, que estivo acompañado polo presidente de Cofides, Salvador Marín, resaltou a importancia da cooperación do Goberno galego coa Compañía Española de Financiación del Desarrollo, que está permitindo impulsar o desenvolvemento das empresas galegas nos mercados emerxentes, como no caso de Kauman que, a través do acordo con Cofides, adquiriu nova maquinaria para a súa filial en Uruguai.
“A colaboración entre Xunta e Cofides está sendo fundamental para apoiar os procesos de internacionalización das nosas pemes”, destacou Conde. Así, este acordo ten permitido aumentar no último ano un 39% a actividade de Cofides en Galicia, impulsando os proxectos con empresas galegas e financiando as súas iniciativas de internacionalización.
O traballo conxunto entre empresas e organismos está a contribuír á boa marcha das cifras das exportacións galegas, que medraron case un 18% en setembro con respecto ao mesmo mes do ano pasado, resultando o balance global dos nove primeiros meses un 1,4% mellor que no mesmo período de 2013, ano récord na historia da Comunidade.