Conde destaca a calidade, a innovación e a loxística como claves da competitividade do sector da automoción galego

2014-12-03
  • O conselleiro de Economía e Industria resalta que a fortaleza das empresas galegas pasa por “dous elementos complementarios e non excluíntes”, a diferenciación e o prezo, que permiten acadar uns altos estándares de calidade e produtividade
  • Recoñece o esforzo colectivo da factoría de Balaídos e o polo automobilístico galego por mellorar, e avoga por seguir traballando xuntos na consecución do proxecto K9, clave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía galega

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento galego a calidade, a innovación e a loxística como claves da competitividade do sector da automoción de Galicia e da súa industria de compoñentes. Unhas características que, segundo explicou, fan de Vigo e a súa comarca o “polo empresarial e de automoción máis grande de Galicia, ao que ten contribuído de modo decisivo a instalación da factoría de Citroën hai 56 anos”.

Así, Conde avogou por seguir traballando xuntos de cara á consecución do proxecto das furgonetas K9, o que suporía unha “garantía de futuro para o sector automobilístico, para Vigo e para Galicia”. “Está en xogo unha produción estable superior ás 200.000 unidades ao ano durante un horizonte estimado de 10 anos”, incidiu.

Para acadar este obxectivo, explicou Conde, e nun escenario no que as empresas compiten nos mercados internacionais, as fortalezas das compañías pasan por “dous elementos complementarios e non excluíntes: a diferenciación e o prezo”.

Dous factores que, combinados, apuntou, permiten acadar uns altos estándares de calidade e produtividade, impulsar a innovación da factoría viguesa, potenciar o compromiso dos provedores situados en Galicia, e consolidar a loxística. Deste xeito, proseguiu, impúlsase “o modelo competitivo que queremos para Galicia, baseado en máis talento, máis innovación e máis recursos loxísticos e financeiros”.

O conselleiro recoñeceu o esforzo colectivo da factoría de Balaídos e o polo automobilístico galego por mellorar, e avogou por seguir aunando esforzos na consecución do proxecto K9, clave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía galega.