A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións
2023-12-05
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Setga de Pontevedra para coñecer o proxecto “Zero Emissions City” no que colaborou a Xunta de Galicia a través da iniciativa Conecta-Peme 2013 da Consellería de Economía e Industria.
Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo xerente da firma, Ángel González Calvo e os responsables de relacións institucionais e produción de Setga, Iago Barbeito e Jesús Saavedra.
O xerente destacou que “neste proxecto colaboraron, como socios, outras catro empresas (Serviguide Consultoría, Bahía Software, Tecnoloxías Plexus e Sistemas Audiovisuais Itelsis), así como a Universidade de Santiago de Compostela”. Ángel González Calvo destacou que, en total, investíronse 729.418,47 euros neste proxecto de investigación, “dos que o 60%, é dicir 382.109 euros, corresponderon a axudas autonómicas”.
A través da iniciativa Zero Emissions City, “varias empresas biotecnolóxicas estamos a traballar para por en marcha un sistema de avaliación en tempo real dos consumos de enerxía dos diferentes sistemas de demanda para poder actuar a partir do balance da pegada de carbono como un indicador de xestión, información e análise das accións encamiñadas a mellorar a eficiencia e a redución de consumos”. O obxectivo do proxecto é, segundo apuntou González Calvo, “dotar os municipios dun instrumento de control de desempeño enerxético e ambiental, así como favorecer o control exhaustivo dos niveis de demanda enerxética usando redes de dispositivos de medición”.
De feito, esta iniciativa, que suporá o deseño dun hardware e un software, permitirá aos municipios coñecer os seus niveis de emisións en transporte e iluminación e implementar medidas para a súa redución co obxectivo de facer cidades máis sostibles.
Tamén permitirá avaliar de forma obxectiva o resultado das políticas e medidas ambientais aplicadas así como aportar datos cuantitativos que favorezan o axuste de proxectos de licitación con empresas de servizos enerxéticos. “Ademais, identificará e planificará a implantación de enerxía de tecnoloxía que permita o aproveitamento de enerxías renovables e concretará medias para mitigar o impacto ambiental derivado do desenvolvemento dos servizos municipais”, engadiu o director de Setga.
Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís recordou que o programa Conecta-Peme foi posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación “coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de I+D+I”
O programa Conecta-Peme ten como obxecto incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego en áreas estratéxicas, fomentando a cooperación público-privada a través do financiamento de proxectos empresariais de I+D en cooperación entre pemes. “Estes proxectos deben estar orientados ao desenvolvemento de tecnoloxías novas que supoñan un importante avance para Galicia pero que conten, a súa vez, proxección económica e comercial a nivel internacional”, engadiu o delegado territorial.
Setga é unha compañía internacional baseada na innovación e no alto valor tecnolóxico. Conta cunha experiencia de 20 anos e está considerada como unha empresa de prestixio no mundo do deseño industrial e consolidada na edición e produción de elementos de iluminación pública, eficiencia enerxética e mobiliario urbano.
Conta con 60 traballadores, 14 deles, enxeñeiros formados nas universidades galegas, instalados en dúas naves, unha de 8.000 e outra de 10.000 metros cadrados. Exporta o entre o 20 e o 30% da súa produción, especialmente a Holanda, Alemaña, Grecia, Portugal, Kuwait, Dubai, Abu Dhabi, Catar, Israel, México, Costa Rica e Chile.
Traballa principalmente con materiais nobres como a fundición nodular de grafito esferoidal, aceiro inoxidable, aleacións lixeiras de aluminio, madeira ou vidro. A nave industrial de Pontevedra está dedicada a desenvolver os procesos de mecanizado, soldadura, axustes e acabados. Tamén conta con obradoiros, fundicións e auxiliares asociados. A maiores posúe unha delegación en Holanda e outra en Costa Rica.
Outros programas innovadores desta empresa tamén contaron con apoios económicos procedentes do IGAPE, como o proxecto Innoempresa que supuxo unha axuda de 72.000 euros; proxectos de desenvolvemento de luminarias led tanto para atmósferas inertes como de segunda xeración que contaron con 160.000 euros de apoio institucional, así como outros 18.000 euros destinados a internacionalización da firma.